O Concello de Lugo presenta o programa de obradoiros de prevención para o curso 2025/2026

LugoXa
A iniciativa, destinada a estudantes de Primaria, Secundaria e Formación Profesional Básica, busca fomentar hábitos saudables e o uso responsable das tecnoloxías
obradoiros-de-prevención-Lugo
28 Oct 2025

A Área de Xuventude do Concello de Lugo, a través do Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias e outras Adiccións Comportamentais, vén de dar a coñecer o novo programa de obradoiros de prevención para o curso 2025/2026, dirixido a centros educativos de Primaria, Secundaria e Formación Profesional Básica do municipio.

Esta iniciativa consolidada alcanza cada ano a centos de estudantes e ten como obxectivo promover hábitos de vida saudables, previr o consumo de substancias e fomentar un uso responsable das tecnoloxías.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, subliñou que “a prevención require continuidade e presenza nas aulas; por iso mantemos esta programación, que permite traballar directamente co alumnado desde idades temperás e tamén coas familias”. Engadiu que “os contidos están actualizados aos novos retos sociais, como o impacto das pantallas, o vapeo ou as novas formas de ocio, sempre desde unha perspectiva práctica e participativa”.

Os obradoiros, gratuítos, desenvolveranse no Centro de Convivencia Municipal Uxío Novoneyra e nos propios colexios e institutos participantes e serán impartidos por persoal técnico municipal especializado e, en determinados casos, coa colaboración da Policía Local. O programa abarca distintos niveis educativos:

En Primaria, o taller Desconecta traballa a prevención de adiccións con e sen substancia, abordando alcohol, tabaco, videoxogos, redes sociais ou apostas mediante dinámicas de grupo e toma de decisións.

En Secundaria, o programa Unplugged fomenta as habilidades para a vida e o pensamento crítico, mentres que un monográfico sobre cannabis, vapeo e tabaco achega información veraz e desmistifica mitos frecuentes.

Para o alumnado de 4º da ESO, o obradoiro Dobre Check céntrase nas adiccións do século XXI, na comunicación efectiva e na responsabilidade persoal.

O novo obradoiro Adiccións, educación vial e mocidade, destinado a mozos e mozas a partir de 16 anos, analiza a relación entre consumo de substancias, mobilidade urbana e condución segura.

A programación complétase cun ciclo de charlas para familias co obxectivo de reforzar o papel educador de pais e nais na detección temperá de condutas de risco e na promoción de hábitos saudables no fogar. “A familia é o primeiro espazo de aprendizaxe e acompañamento, e queremos que tamén dispoña de recursos para actuar con confianza e información”, engadiu Bustos.

⚙ Configurar cookies
0.080805063247681