O Concello de Lugo presenta o seu orzamento para 2024, o máis alto da historia

LugoXa
Méndez e o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, definiron as contas como “consecuentes co esforzo público feito estes anos de crise e están elaboradas con responsabilidade para afrontar os vindeiros retos”.
19 Dec 2023

Méndez e o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, definiron as contas como “consecuentes co esforzo público feito estes anos de crise e están elaboradas con responsabilidade para afrontar os vindeiros retos”. Resérvanse máis de 2’5 millóns € para melloras, peonalizacións e humanizacións de en prol dunha mobilidade máis cómoda, acorde co modelo da cidade.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, e o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, presentaron esta mañá o proxecto de Orzamentos municipais de Lugo previsto para o 2024. “Un exercicio ao que se chega tras o diálogo permanente coa cidadanía para coñecer as súas necesidades, polo que son os orzamentos da veciñanza, e logo dos dous últimos mandatos no que os Concello fixo un tremendo esforzo económico para compensar as sucesivas crises económicas, a última derivada da pandemia e do conflito bélico en Ucraína”, sostivo a alcaldesa.

“En todo este tempo a Administración local estivo ao carón da cidadanía, garantindo todos o servizos e incluso incrementando o escudo social e o número de prestacións para adaptalas ás necesidades que xurdían do contexto social que nos tocou vivir, mellorando a súa calidade e ampliando o seu alcance, ao tempo que reforzamos adxudicacións moi importantes para o municipio como a limpeza viaria e a recollida de lixo ou o mantemento das zonas verdes que redundan no benestar da poboación, nun momento no que, ademais, adquiriron gran relevancia os espazos públicos, especialmente os que se atopan ao aire libre”, afirmou Lara Méndez.

“Nese sentido – abondou - o Concello tivo ademais capacidade para continuar a súa transformación urbanística e económica. Con proxectos de gran envergadura que nos converten en referentes a nivel nacional e internacional porque soubemos aproveitar as debilidades que deixou á vista a Covid para converter en oportunidades os recursos propios dos que dispoñemos e construír con eles un novo presente, respectuoso, sostible e proactivo coa situación de emerxencia climática. Un presente que se visualiza nunha urbe accesible, integradora, na que a perspectiva de xénero é unha constante, pero tamén unha urbe próspera con capacidade de atracción de proxectos empresariais á vangarda”.

“E así, levamos catro anos acompañando á veciñanza, conxelando traxas e tributos e cun nivel de investimento e gasto por habitante moi elevado (de 168 € e 1.088 euros, respectivamente en 2022) que se traduce no Lugo pioneiro que hoxe somos, aproveitando a suspensión das regras fiscais para amortecer - grazas á solvencia económica da Institución - o impacto destas sucesivas crises que sufrimos”, engadiu.

Lara Méndez apuntou que á hora de abordar os Orzamentos “analizamos o contexto económico a nivel mundial, autonómico e local, porque queremos que as contas sexan consecuentes non só co vivido estes anos, senón tamén coas perspectivas a medio e longo prazo, tratando de conxeniar a rigorosidade que esixe a súa elaboración coa vontade deste Executivo de ofrecer uns presupostos que se amparen en principios progresistas e que pulen pola igualdade de oportunidades, a equidade social e a redistribución eficaz e eficiente dos recursos públicos, facendo fincapé nas persoas máis vulnerables”.

É por iso, anunciou a mandataria lucense, que “os Orzamentos municipais volverán ser, un ano máis, expansivos, aínda que tamén se tivo en conta o impacto do escenario inflacionista con relación ao 2022, cuxa tendencia é a diminuír, para concentrar os principais investimentos na finalización das intervencións xa iniciadas ou programadas, así como naquelas actuacións que máis demanda a sociedade, e tamén preparando proxectos de futuro, como a transformación do barrio da Milagrosa ou Feijóo, por exemplo”.

Deste xeito, os presupostos do Concello serán para este 2024 os máis elevados da súa historia: 121.855.425 euros, o que supón un incremento dun 3’27% (3.858.571 €) con relación aos de 2023.

Se ben a rexedora sinalou, antes de nada, que “este aumento se leva a cabo de acordo co marco de dispoñibilidade de recursos que se definiron mediante unha previsión prudente e realista dos ingresos e sempre considerando o cumprimento do marco legal actual”, ao tempo que volveu sinalar que o Concello mantén dende o 2017 un nulo nivel de endebedamento.

Lara Méndez incidiu, así mesmo, en que a asignación dos recursos municipais ás diferentes políticas, programas e accións previstas “obedece a unha lóxica de priorización orientada á aumentar a eficacia das prestacións e a concluír proxectos iniciados que redunden na materialización desa cidade atractiva, chea de oportunidades, máis igualitaria e participativa”.

“De feito, o Concello mantén importantes contías dedicadas á cobertura de gastos destinados á políticas sociais, que copan o 30% dos orzamentos, a pular polo dereito á vivenda impulsando a rehabilitación e a rexeneración dos barrios, apostando por espazos amables como zonas verdes e parques infantís que predispoñan á convivencia interxeracional, pero tamén amosando un compromiso firme co tecido produtivo para apoiar a actividade económica, ser referentes de emprendemento, dunha ocupación de calidade e da economía verde e circular, sen descoidar a educación, a cultura, o deporte, a ciencia e a innovación, e aos distintos colectivos como a muller, infancia e os maiores”, asegurou, e incidiu que se proseguirán cos investimentos do Lugo Transforma para o asentamento de empresas e a creación de emprego de calidade.

Estas son as cifras dos Orzamentos de 2024

A continuación, a alcaldesa debullou por capítulos as principais cifras do vindeiro Orzamento, comezando polo de ingresos que se incrementará nun 3’27%.

“Amparados no principio de prudencia orzamentaria, para o próximo exercicio agardamos que o volume de ingresos non financeiros se sitúe nos 108.255.425 euros, xa que a previsión da liquidación do 2022 amosa ser optimista e contamos, ademais, coa posta en marcha da inspección municipal que redundará nunha maior recadación. E ao igual que as expectativas con relación ás transferencias que recibimos da Xunta de Galicia é que suban lixeiramente, o Goberno central xa anunciou que os Concellos recibirán en 2024 un 22’6% máis de recursos do sistema de financiamento local. Unha circunstancia, a suba das previsións iniciais destes conceptos, que no proxecto de Orzamentos se realizou, aínda así, moi por debaixo da mencionada porcentaxe”, aclarou Méndez.

Mais este crecemento se reproduce tamén no capítulo de gastos, que sobe nas mesmas proporcións (3’27%) e suma un total de 63.578.723 € o que equivalería ao 52’18% do Orzamento.

Xa con maior detalle, as contías correspondentes aos gastos de Persoal supoñen o 29’59% do total do orzamento, incrementándose nun 1’5% con relación ao 2023 e, pola contra, os gastos de capital e transferencias se manteñen.

Paso seguido, a alcaldesa fixo alusión ao capítulo de investimentos (9.768.276 €), constituíndo o 8’02% do presuposto.

“Este diñeiro incidirá de forma particular na mellora da mobilidade, na modernización das comunicacións urbanas e na reactivación da economía mediante a innovación, a sostibilidade e as novas tecnoloxías”, dixo en alusión clara aos proxectos que se financian con fondos Next Generation, “e sempre dentro dos eixes e obxectivos incluídos no Plan de Acción da Axenda Urbana de Lugo 2030”.

E informou dalgunhas das consignacións destas actuacións.

Así, o Concello de Lugo destinará este próximo ano 1.411.356 euros á conclusión dos 4 proxectos previstos dentro da estratexia do Corazón Verde, para a peonalización total do Centro Histórico e a implantación da Zona de Baixas Emisións e tamén para o inicio do Plan de Sostibilidade Turística.

Outra das áreas que maior importe aglutina neste 2024 será a de Sostibilidade Urbana, onde se contempla xa unha partida de 232.450 euros para o inicio da intervención no Pazo de Dona Urraca, así como outros 210.900 euros para as expropiacións que posteriormente permitirán acometer a supresión de varios tapóns urbanísticos na cidade e 330.630 euros para finalizar coa expropiación que permitirá unir o cinto verde do Miño e Rato.

PEONALIZACIÓN

E se reservan máis de 2’5 millóns € para melloras, peonalizacións e humanizacións de diferentes vías que redundarán nunha mobilidade máis cómoda, acorde co modelo da cidade.

Igualmente, se investirán 1.202.990 euros para mellorar zonas verdes de esparexemento, parques infantís e espazos de ocio de uso público.

O rural contará cunha contía de 513.055 euros para mellora das súas infraestruturas.

Incorpóranse, asemade, outros 350.000 € para investimentos en Deportes e, xa no que ten que ver coa mellora das dotacións municipais, se inclúen:

  • 539.100 € para equipamentos tecnolóxicos e materiais para os servizos de emerxencia de Policía Local e Bombeiros.
  • 534.000 € para renovar as redes de saneamento e abastecemento da Zona Norte.
  • 157.000 € para, entre outros conceptos, melloras en dependencias, entre elas os edificios de Servizos Sociais ou a incorporación de maquinaria e mobiliario para o Fogar do Transeúnte e a Biblioteca do Centro Interxeracional Paco Martín.
  • 60.000 € para obras de accesibilidade.

Lara Méndez destacou, igualmente, que “mantemos o noso compromiso total e absoluto co tecido asociativo, dedicando unha partida de case 6 millóns de euros para actuacións que se desenvolven a través dos distintos convenios e subvencións, en ámbitos e colectivos moi diversos, pero que teñen un alto valor engadido e cun retorno social que está fóra de toda dúbida”, puntualizou.

Así mesmo, incidiu que os orzamentos inclúen 3,5 millóns de euros para a Intermodal, destinados a construción do paso de cidade e da urbanización.

Antes de rematar, a rexedora de Lugo sostivo que, “este ano, unha vez máis, contemplamos recorrer ao endebedamento cun crédito de 13’5 millóns €, unha cantidade que estaría por debaixo dos límites considerados como prudentes, sen prexuízo da posible modificación desta previsión inicial toda vez que se coñezan cales son os recursos propios resultantes do remanente de que nos queden dispoñibles, tal e como levamos facendo estes últimos anos”, matizou.

Pola súa parte, o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, valorou estes orzamentos,” deseñados baixo a idea de continuar a avanzar no proxecto de cidade co que levamos anos mellorando Lugo, facendo unha cidade máis amable para as persoas".

Destacou que "o Orzamento permitiranos continuar cos proxectos xa iniciados e avanzar no tempo novo que abrimos desde o goberno, cun Lugo que aproveite o seu patrimonio histórico e natural” e afirmou que “a cidade continuará a avanzar na recuperación do espazo público para as persoas, no aforro enerxético e na mellora dos espazos urbanos, ademais de manter a decidida aposta do Goberno pola cultura local e de base, poñendo en valor ás e aos artistas de Lugo”.

Arroxo destacou que estas contas se realizaron “contando coa opinión da veciñanza a través de diversas xuntanzas, coas que organizamos os Orzamentos Participativos deste ano”. Así, anunciou 365.000€ adicados á peonalización da Rúa Milagrosa, unha iniciativa que permitirá completar a zona de paseo entre o centro da cidade e a praza da Milagrosa, completando o trazado peonil que remata actualmente en Luís Seoane.

INFRAESTRUTURAS

No tocante á área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo anunciou o investimento de 460.000€ para o barrio de Recatelo. "despois de rematar as rúas principais, continuamos a traballar na mellora da imaxe do barrio, unha zona importante que xa permite a comunicación do centro co Parque de Rosalía de xeito totalmente peonil e que seguiremos a mellorar". Anunciou tamén que se executará a semipeonalización do Carril dos Loureiros, “habilitando unha plataforma única que permita desfrutar de espazos peonís, tal e como consensuamos coa veciñanza da rúa”.

Infraestruturas executará, así mesmo, a renovación do muro de Frei Plácido Rei Lemos. “O persoal técnico municipal leva máis de 15 anos revisando o desgaste deste muro e decidiuse actuar agora, antes de que a estrutura continúe a deteriorarse”, explicou Arroxo. Hai aproximadamente un ano, o muro foi apuntalado para evitar maior deterioro e facilitar os estudos técnicos precisos para a súa renovación, e no orzamento resérvanse 770.000€ para executar unha obra que mellorará o acceso ás costas do parque e a accesibilidade do conxunto.

As mellora nas áreas urbanas e periurbanas contan cun orzamento de 800.000€, adicados a pavimento e contornas escolares, e adicaranse 80.000€ a estudos de tráfico, como a mellora da circulación na contorna da Fonte dos Ranchos e a peonalización da Rolda da Muralla na zona norte.

O plan de renovación de alumeado público en zonas urbanas e periurbanas continuará tamén no 2024, adicándose 130.000€. "Estes investimentos son rendibles en pouco tempo xa que reducen amplamente o consumo eléctrico e reducen o impacto ambiental, nun momento no as administracións temos que facer un importante esforzo en reducir o consumo enerxético", informou Arroxo.

A Ponte Romana recibe 150.000€ no orzamento que permitirán executar unha solución definitiva aos danos detectados na estrutura debido ás intensas riadas do ano pasado.

No tocante á área de Participación, Rubén Arroxo destacou un investimento de 145.000€ para mellorar as instalacións da Praza de Abastos e 180.000€ para o Cemiterio Municipal, onde se incluirá a construción dun espazo para mascotas. “Con estas partidas atenderanse ás demandas que tanto os distintos vendedores e vendedoras como as persoas que compran na Praza de Abastos e no Mercado levan moito tempo realizando, e atenderase ás necesidades do Cemiterio, adaptándoo a unha realidade que estamos a ver en moitas cidades".

Arroxo afirmou que "seguiremos a potenciar unha instalación que está a ter un gran crecemento, especialmente por parte da xente nova, o que se pode ver os sábados coa campaña O noso mercado é un agasallo”.

A área de Cultura continuará a manter unha ampla programación cultural durante todo o ano, apostando polo tecido cultural local e pola promoción turística da cidade, cunha partida de 600.000€, e reservando 757.000€ para o San Froilán. Rubén Arroxo anunciou 15.000€ para a adquisición de instrumentos na Escola Municipal de Música “un servizo que permite a moitas persoas estudar música sen ter en conta a súa capacidade adquisitiva”, afirmou o tenente de Alcaldesa. Arroxo anunciou que se reservará unha partida para unha escultura en homenaxe a Darío Xohán Cabana, cumprindo cunha das solicitudes da familia.

Esta mesma mañá o proxecto de Orzamentos era presentado tamén ante o Consello Económico e Social e, posteriormente aprobado nunha Xunta de Goberno Local Extraordinaria, de xeito que a súa elevación a Pleno terá lugar o vindeiro xoves, 28 de decembro, coincidindo coa celebración da sesión ordinaria do mes.

0.11569404602051