O Concello de Lugo presenta un novo procedemento para a organización das festas locais

LugoXa
Segundo a alcaldesa, este novo sistema busca mellorar a seguridade das festas, incrementar as garantías xurídicas para os promotores e axilizar o proceso burocrático
Xuntanza_comisons-de-festas-Lugo
5 Feb 2025

Representantes do Concello de Lugo reuníronse cos responsables das comisións de festas do municipio para informarlles sobre o novo procedemento de tramitación técnica e administrativa que deberán seguir na organización dos seus eventos.

A alcaldesa, Paula Alvarellos, destacou que esta reunión tiña como obxectivo principal explicar detalladamente os cambios e permitir que as comisións traballen con maior previsión para o ano 2025.

Durante o encontro, Alvarellos Fondo presentou as liñas xerais do novo procedemento, que inclúen a obriga de presentar o modelo 174 e a documentación técnica necesaria cun mínimo dun mes de antelación.

Unha vez realizada a tramitación, os técnicos municipais avaliarán a documentación e, no caso de ser necesario, emitirán un único requirimento. Os organizadores disporán de 10 días para corrixir calquera erro detectado.

Segundo a alcaldesa, este novo sistema busca mellorar a seguridade das festas, incrementar as garantías xurídicas para os promotores e axilizar o proceso burocrático. Ademais, asegurou que o Concello tivo en conta as achegas das comisións de festas e estudará aquelas propostas que poidan mellorar o procedemento.

Alvarellos subliñou a importancia de manter unha relación fluía e constante coas comisións para garantir a viabilidade das festas. "Quixemos organizar esta reunión a comezos de ano para que as comisións poidan planificar con tempo suficiente e adaptarse ao novo procedemento", indicou.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, destacou que "traballar con previsión permite que a organización destes eventos se leve a cabo coas máximas garantías de seguridade, achegando claridade xurídica tanto para os promotores como para os participantes e asistentes aos festexos".

Outro dos obxectivos principais do novo procedemento é garantir a convivencia entre a celebración das festas e o dereito ao descanso da veciñanza. O Goberno local busca asegurar que os eventos se desenvolvan respectando os dereitos dos residentes en cada barrio e parroquia. "Garantir a convivencia cidadá é clave para preservar este patrimonio cultural que tanto nos define como comunidade", concluíu Alvarellos.

0.17762899398804