O Concello de Lugo presenta unha OPE de 54 prazas para 2025, a máis ambiciosa da última década

O Concello de Lugo levará á mesa de negociación cos sindicatos unha proposta de Oferta Pública de Emprego (OPE) correspondente ao ano 2025 que contempla un total de 54 prazas, das cales 46 serán de acceso libre e 8 de promoción interna.
Trátase da convocatoria máis ampla dos últimos dez anos, coa que o Goberno municipal pretende reforzar os servizos públicos e avanzar nunha administración máis eficaz e moderna.
Entre as prazas propostas, salientan as correspondentes aos servizos de atención directa á veciñanza. O corpo de bombeiros incorporará 17 novas prazas, configurando a maior oferta de Galicia neste eido. Tamén se inclúen 10 prazas para a Policía Local, xunto con reforzos noutras áreas estratéxicas como os servizos sociais, considerados fundamentais para garantir unha atención próxima e áxil.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que esta oferta responde ao compromiso do Concello coa mellora continua dos servizos e coa atención cidadá. “É unha OPE que mira ao futuro da cidade, que reforza áreas esenciais e que nos permitirá seguir prestando un servizo de calidade. Sabemos o importante que é contar cos mellores equipos, e esta convocatoria é un paso decisivo nese camiño”, subliñou.
A concelleira de Recursos Internos, Ana González Abelleria, explicou que a OPE é unha ferramenta clave para a planificación e xestión do persoal municipal. “A oferta pública de emprego responde a criterios técnicos previamente establecidos e debe ser negociada cos representantes sindicais nos seus aspectos xerais. O número e o tipo de prazas é competencia exclusiva do Concello, que determina as necesidades do persoal para asegurar o funcionamento adecuado da administración. Con esta proposta damos un paso firme para actualizar e fortalecer os cadros municipais”, apuntou.
A responsable de Recursos Internos tamén resaltou que o Concello integra nesta OPE prazas procedentes das ofertas de 2017, 2018, 2020, 2021 e 2022 que non foron convocadas dentro do prazo improrrogable de tres anos establecido polo artigo 70 do TRLEBEP, segundo a interpretación do Tribunal Supremo. Con esta decisión, o Goberno local “pecha definitivamente estes procesos pendentes e achega seguridade xurídica tanto á administración como ás persoas aspirantes”.
REACCIÓN POR PARTE DE CCOO
CCOO acusou ao Concello de Lugo de vender unha OEP 2025 “triunfalista e allea á realidade”, asegurando que parte das prazas proceden de ofertas caducadas que o Goberno local non identifica nin xustifica. O sindicato advirte de que esta situación podería afectar a procesos selectivos pola sentenza do Supremo 930/2025.
A central lamenta a “falta total de transparencia” na Mesa Xeral, denunciando que o Concello non entrega listaxes das prazas caducadas nin información sobre os procesos comprometidos, o que, ao seu xuízo, vulnera a boa fe negociadora. CCOO alerta de que esta opacidade prexudica ao persoal interino, ás persoas opositoras e a servizos esenciais que non se reflicten con rigor na OEP anunciada como “ambiciosa”.
Ante esta situación, o sindicato pediu suspender a Mesa Xeral do 10 de decembro e responsabiliza ao Goberno local dun proceso “viciado de orixe”. Reclama identificar as prazas caducadas, aclarar os procedementos afectados e entregar toda a documentación pendente.