O Concello de Lugo presentará en Fitur 2026 a campaña ‘Lugo, un encontro coa historia’

LugoXa
O Concello aposta pola festa de recreación histórica como eixo dunha ambiciosa estratexia turística e cultural no ano do seu 25 aniversario
Campaña-Fitur-Concello-de-Lugo
19 Jan 2026

As áreas de Alcaldía e de Xuventude e Deportes do Goberno Local teñen xa preparada a participación do Concello de Lugo na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2026, que comeza esta semana en Madrid, onde se dará a coñecer a campaña ‘Lugo, un encontro coa historia’. Con esta proposta, o executivo municipal busca reforzar o proceso de internacionalización do Arde Lvcvs, unha cita que neste 2026 alcanza o seu cuarto de século e que se consolida como un dos principais reclamos turísticos e culturais da cidade.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliña que esta iniciativa permitirá divulgar o amplo potencial do municipio cedendo o protagonismo á festa de recreación histórica. Segundo explica, o Arde Lvcvs, que naceu para conmemorar a fundación da cidade romana, converteuse co paso dos anos nunha celebración que simboliza o orgullo colectivo da cidadanía lucense. Ao seu xuízo, Lugo soubo manter esa ilusión inicial e proxectala máis alá das súas fronteiras, ata converter a festa nun evento de carácter universal, unha mensaxe que se trasladará aos visitantes de Fitur a través dun vídeo promocional elaborado especificamente para a súa presentación en Madrid.

O rexedor destaca que apoiar a promoción turística no Arde Lvcvs responde ao papel fundamental que este evento desempeña desde hai anos como ferramenta de difusión exterior, estreitamente vinculada ademais a un modelo de turismo sostible co que o Goberno Local mantén un firme compromiso. Nesa liña, a presentación do audiovisual pretende incidir especialmente na transmisión do legado galaico-romano que define a cidade, poñendo o acento no Arde Lvcvs Cultural e reforzando o peso da historia, das conferencias especializadas e dos talleres de recreación histórica.

Miguel Fernández sinala tamén que Fitur marcará o inicio dun plan de internacionalización máis amplo, que terá continuidade noutras accións promocionais, entre elas a presenza de Lugo na BTL, a Feira Internacional de Turismo de Lisboa, prevista para finais do mes de febreiro. A esta estratexia súmase a coordinación coas asociacións europea e española de festas de recreación histórica, coas que o Concello manterá encontros para deseñar accións conxuntas, tanto de cara a unha edición especialmente significativa do Arde Lvcvs como para o desenvolvemento global do plan internacional.

Neste proceso terá un papel relevante a celebración en Lugo da Asemblea Nacional da Asociación Española de Festas de Recreación Histórica, que se desenvolverá na cidade entre os días 17 e 19 de abril. Así o explica o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, área da que depende directamente o Arde Lvcvs, quen avanza que están previstas reunións en Madrid para avanzar na organización deste encontro, no que participarán representantes de máis de 60 festas de recreación histórica de diferentes épocas, desde eventos iberos e romanos ata celebracións de carácter medieval ou renacentista.

Esta asemblea suporá, ademais, o inicio do Arde Lvcvs Cultural, outro dos piares da estratexia de internacionalización, para o que se está a traballar nunha programación ampla que contará coa presenza de figuras de proxección internacional. O programa cultural arrancará en abril e prolongarase ata a fin de semana do 18 ao 21 de xuño, coincidindo coa celebración do 25 aniversario da festa e co peche desta edición especial do Arde Lvcvs Cultural.

De cara ás novidades do Arde Lvcvs deste ano, tanto o alcalde como o edil de Xuventude destacan a redistribución das distintas actividades da festa, que se estenderán por varias das novas prazas e zonas peonís incorporadas á cidade tras as obras do centro. Esta reorganización, sinalan, permitirá mellorar o desenvolvemento do evento e facilitar que un maior número de persoas poida gozar con comodidade dos espectáculos e actividades programadas.

⚙ Configurar cookies
0.28608512878418