O Concello de Lugo pretende impulsar a urbanización dos polígonos

LugoXa
Inciden en avanzar no planeamento da cidade creando novas ferramentas normativas para impulsar a urbanización dos polígonos
poligono-as-gandaras-Lugo
7 Ago 2024

O Executivo de Paula Alvarellos abordará na Xunta de Goberno Local a aprobación inicial dun Modelo Xeral de Estatutos e Bases de Actuación para o Funcionamento das Xuntas de Compensación. Unha ferramenta normativa que se porá a disposición das e dos propietarios de terreos susceptibles de desenvolvemento urbanístico e coa que, dende a Alcaldía, se pretende contribuír a axilizar o procedemento administrativo que rexe a formación destas entidades e o seu funcionamento posterior.

A alcaldesa explicou que ao entrar en vigor, en 2016, a lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) se introduxo unha nova regulación, en virtude da cal cómpre adaptar á mesma o anterior modelo do que dispoñía o Concello e que fora aprobado en 2004. “O obxectivo é actualizar este documento pero, sobre todo, favorecer e proporcionar unha maior dilixencia á constitución das Xuntas de Compensación no noso termo municipal, de tal xeito que permita viabilizar a tramitación máis rápida da aprobación dos Estatutos e das Bases de Actuación das mesmas, para que aquelas agrupacións de titulares que queiran impulsar o seu desenvolvemento poidan empregalo se así o desexan, simplificando todo o proceso”, referiu Alvarellos Fondo.

A rexedora puxo en valor o traballo realizado dende a área de Urbanismo para elaborar este completo documento en cuxa parte dispositiva se detallan, entre outros contidos, os fins primordiais que perseguen as Xuntas de Compensación, o ámbito da súa duración, os requisitos de incorporación de propietarios/as ou mesmo a súa composición e o sistema de transmisión dos bens e dereitos que ostentan.

Igualmente, fai referencia aos órganos de Goberno e Administración como son a Asamblea Xeral e o Consello Reitor, ás facultades que teñen, ás tipoloxías que existen, así como ao dereito de asistencia, ás convocatorias ou á adopción de acordos. O modelo inclúe, alén, articulado relativo aos dereitos e obrigas dos membros da Xunta, o seu réxime económico e o pagamento de achegas.

Execución de obras e formas de contrato

En canto ás Bases de Actuación, estas establecen os criterios polos que a Xunta de Compensación debe rexer a súa actividade pero tamén aqueles que deben empregarse para a valoración das edificacións, das obras e das parcelas resultado. Asemade, recolle aspectos como a execución das obras de urbanización, a súa recepción e conservación, as formas de contratación e, dentro da distribución de beneficios e cargas, as regras para a adxudicación das parcelas resultantes, os prazos e forma de pagamento das cotas ou o incumprimento de obrigas.

 

“Trátase, por tanto, dun texto tan minucioso como rigoroso cuxa aplicación redundará no labor que se vén realizando dende a Dirección Xeral de Urbanismo para propiciar o desenvolvemento das diferentes Unidades de Actuación que contempla o planeamento municipal. Pero que terá, á súa vez, un eminente carácter práctico, posto que facilitará ás e aos donos dos polígonos abreviar a carga burocrática o que, agardamos, funcione como un estímulo para a diversificación do territorio e a implantación empresarial”, concluíu Paula Alvarellos quen, dende a súa chegada á Alcaldía de Lugo situou este extremo como un dos principais eixes de actuación do seu Executivo neste mandato.

Logo da súa aprobación inicial, o documento someterase a información pública polo prazo dun mes no Boletín Oficial da Provincia para que, quen o desexe, presente alegacións e, trala súa resolución, o Goberno local validará definitivamente este novo marco normativo, poñéndoo a disposición da cidadanía para que poida adherirse se o considera de utilidade.

0.19852113723755