O Concello de Lugo promove entre o alumnado o uso do autobús como medio de transporte

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, fixo balance da iniciativa posta en marcha pola área de Mobilidade para fomentar o uso do bus urbano entre os nenos e nenas en idade escolar. Segundo explicou, o obxectivo é "que as estudantes coñezan o funcionamento do bus urbano e aposten por este medio á hora de desprazarse pola cidade".
A medida permitiu que 2.207 escolares viaxasen de xeito gratuíto en autobús urbano para realizar actividades como formacións en seguridade viaria no Parque Infantil de Tráfico, visitas ás salas museísticas municipais ou á biblioteca pública. "Os centros puideron solicitar realizar os seus desprazamentos pola cidade en bus urbano, promovendo así este medio de transporte", destacou Arroxo.
"Queremos que a xente aposte polo bus urbano porque reducindo tráfico na cidade avanzamos nunha cidade sostible cunha mobilidade alternativa e ecolóxica", declarou o tenente de alcalde, quen engadiu que “con esta medida facilitamos que as nenas e nenos coñezan e utilicen o bus urbano como medio de transporte habitual”.
Arroxo salientou tamén o crecemento sostido do número de usuarios do transporte público en Lugo, que vén de acadar o seu mellor rexistro histórico no mes de maio, con máis de 206.000 billetes expedidos, consolidando o autobús urbano como o principal medio de desprazamento para a maior parte da veciñanza.