O Concello de Lugo promove rutas de sendeirismo para a mocidade

LugoXa
As actividades, con inscrición gratuíta, celebraranse do 18 ao 22 de agosto en quendas de mañá e tarde, combinando natureza, exercicio e patrimonio
ruta-sendeirismo-Concello-de-Lugo
18 Aug 2025

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, pon en marcha esta semana unha nova proposta de sendeirismo enmarcada no programa +XTi 2025, dirixida a mozas e mozos de entre 18 e 39 anos. A iniciativa busca fomentar o exercicio físico, a convivencia e o descubrimento de espazos singulares do municipio.

“O contacto coa natureza e o exercicio físico son piares do noso programa, que ofrece alternativas activas, accesibles e atractivas para que a mocidade desfrute do verán doutro xeito”, sinalou o edil de Xuventude, Jorge Bustos, quen destacou que cada itinerario foi deseñado “para poñer en valor a nosa paisaxe, o patrimonio e os espazos de lecer a poucos minutos do centro urbano”.

As rutas desenvolveranse en dobre quenda, de 09:00 a 13:00 horas pola mañá e de 17:00 a 21:00 horas pola tarde, con grupos de 22 persoas e inscrición gratuíta a través da web lugomasxti.org.

O luns 18 abrirase o ciclo coa ruta Rural, que percorrerá un tramo do Camiño Primitivo partindo da Porta de Santiago da Muralla Romana. O martes 19 será a quenda da ruta Natureza, seguindo as ribeiras do Miño desde o Club Fluvial. O mércores 20 terá lugar a ruta Local, polos paseos do Rato e do Miño, con saída no Balneario de Lugo. O xoves 21 desenvolverase a ruta Deportiva, entre Adai, os Bosques Máxicos e Ombreiro, partindo da Igrexa de Santa María Magdalena. Finalmente, o venres 22 pecharase o programa coa ruta Histórica, desde a Porta San Fernando ata o Barrio da Ponte.

⚙ Configurar cookies
0.18325304985046