O Concello de Lugo propón nomear a ponte de As Saamasas como Tomás Notario Vacas

O Goberno local de Lugo levará este mes á sesión plenaria unha proposición conxunta asinada polo viceportavoz do Grupo municipal Socialista, Pablo Permuy, e polo voceiro do Grupo municipal do BNG, Rubén Arroxo Fernández.
A proposición ten como obxectivo trasladar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a proposta do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos para denominar a ponte de As Saamasas, que cruza o río Miño no municipio dentro da ruta da N-540, co nome do seu promotor e executor, Tomás Notario Vacas.
"A figura de Tomás Notario Vacas está profundamente vinculada co desenvolvemento de infraestruturas clave para os lucenses, moitas das cales foron executadas durante a segunda metade do século XX", explican desde o Concello de Lugo.
A Alcaldía de Lugo recibiu o pasado 14 de xaneiro unha comunicación do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, na que, por acordo unánime da súa xunta directiva, se solicitaba que se considerase o nomeamento da ponte de As Saamasas en honra a Tomás Notario Vacas, en recoñecemento aos seus méritos e á súa vinculación coa cidade e a provincia de Lugo.
Tras estudar a solicitude, constatouse que a infraestrutura non é de titularidade municipal, senón que pertence ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Por este motivo, o Executivo abordará a petición no próximo Pleno de febreiro e enviaráa ao Goberno central co respaldo da Corporación.
EMENDA DO PP
O Grupo Municipal do PP acaba de presentar unha emenda á proposición rexistrada polo Goberno local porque consideran que a súa iniciativa é "insuficiente".
Os populares anuncian "o noso apoio á solicitude do Colexio de enxeñeiros e pedimos unha xunta de voceiros para debatela con rigor e lograr o apoio unánime da Corporación".
Dende o PP, "esiximos unha maior implicación e que o Concello asuma un rol máis activo, en vez de ser un simple intermediario. A memoria de Tomás Notario Vacas e o recoñecemento ao seu legado merecen algo máis que un trámite sen compromiso", conclúen.