O Concello de Lugo propón un novo regulamento de carreira profesional para o persoal municipal

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a concelleira responsable da área de Recursos Internos, Ana González Abelleira, remitiron aos representantes dos traballadores municipais a proposta de Regulamento da Carreira Profesional Horizontal e da Avaliación do Desempeño do Concello de Lugo, abrindo así un proceso de diálogo e negociación coa representación sindical.
O sistema ten como obxectivo recoñecer o esforzo, a experiencia e o compromiso do persoal municipal coa mellora dos servizos públicos, distinguindo a competencia profesional individual a través dun modelo obxectivo, regrado e transparente. A proposta busca reforzar a motivación ao longo da vida laboral, fomentar a actualización permanente de coñecementos e consolidar unha cultura de corresponsabilidade co servizo público.
A concelleira Ana González Abelleira destacou que “esta proposta, elaborada por un equipo de funcionarios multidisciplinar, introduce un sistema moderno, baseado na avaliación obxectiva do desempeño, que reforza a profesionalización da administración local e sitúa ás persoas no centro da organización”.
A carreira profesional horizontal permitirá ao persoal funcionario de carreira, interino e laboral progresar profesionalmente sen necesidade de cambiar de posto de traballo, mediante un sistema estruturado en graos. Cada grupo ou subgrupo contará cun grao inicial e catro graos adicionais (I, II, III e IV), aos que se accederá de forma consecutiva, cumprindo períodos mínimos de permanencia e superando unha avaliación obxectiva do desempeño. Con carácter xeral, esixirase un mínimo de anos de servizo para acceder ao grao inicial e aos seguintes.
O regulamento incorpora dous sistemas de acceso: un ordinario, aplicable ao desenvolvemento futuro da carreira profesional, e un extraordinario, destinado a recoñecer a antigüidade e os servizos prestados con anterioridade á implantación do modelo. Este sistema extraordinario permitirá que o persoal actual poida acceder de forma anticipada aos distintos graos en función da súa traxectoria profesional, garantindo un tratamento diferencial respecto ao persoal de novo ingreso.
A avaliación do desempeño constitúe un elemento clave do modelo. Trátase dun procedemento destinado a medir e valorar a conduta profesional, o rendemento e o cumprimento de obxectivos, baixo os principios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación, co fin de avanzar cara a unha administración máis moderna, eficiente e orientada á calidade.
No relativo ao impacto económico, o complemento derivado do recoñecemento dos graos aboarase de maneira progresiva ao longo dun período previsto de cinco anos, co obxectivo de garantir a sustentabilidade orzamentaria. Ademais, establécese un sistema de aceleración para o persoal de maior idade, de modo que quen teña 61 ou máis anos percibirá o 100 % do complemento desde 2026. No tramo de idade comprendido entre os 56 e os 60 anos, o aboamento comezará no 50 % en 2026 e incrementarase progresivamente ata acadar o 100 % en 2029. Para o resto de tramos de idade, definiranse progresións graduais ata completar o 100 % do complemento no ano 2030.
O Goberno municipal subliña que este regulamento marcará un antes e un despois na xestión do persoal municipal, consolidando un modelo de administración máis xusta, máis motivadora e máis eficiente ao servizo da cidade.