Propoñen un protocolo para reducir os residuos durante grandes eventos en Lugo

O Concello de Lugo anunciou o lanzamento dun protocolo destinado a reducir a xeración de residuos durante os grandes eventos festivos do municipio.
Esta iniciativa forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino '...Et edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía', incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través do programa NextGenerationEU.
Así, comunicaron a apertura do proceso de contratación para a elaboración deste protocolo, cuxa finalidade é diminuír a produción de residuos e promover comportamentos responsables entre a cidadanía.
A estratexia baséase nas 3R: Redución, Reutilización e Reciclaxe, co fin de minimizar o impacto ambiental dos eventos multitudinarios que se celebran na cidade.
Compromiso coa sustentabilidade
A iniciativa ten como principais obxectivos reducir a cantidade de residuos xerados, especialmente en eventos turísticos; fomentar un comportamento responsable no consumo e na xestión de residuos; promover o coñecemento de prácticas sostibles tanto no ámbito turístico como na vida cotiá; e aumentar o prestixio medioambiental de Lugo como destino turístico comprometido coa sustentabilidade.
Alvarellos destacou a relevancia desta iniciativa para avanzar cara a unha cidade máis sostible. "As festas de Lugo, como o Arde Lucus ou o San Froilán, son parte esencial da nosa identidade, pero debemos garantir que a súa celebración non prexudique ao medio ambiente. Coa posta en marcha deste protocolo, apostamos por un modelo de lecer responsable e respectuoso co entorno", afirmou.
O protocolo incluirá diversas accións para sensibilizar tanto á poboación como aos visitantes sobre a importancia dun manexo adecuado dos residuos. Entre as medidas máis destacadas atópanse:
- Accións de sensibilización ambiental: Desenvolvemento de materiais adaptados a todos os públicos, talleres e actividades lúdicas que fomenten a conciencia sobre o impacto dos residuos no medio ambiente.
- Promoción do consumo responsable: Análise de eventos emblemáticos para deseñar accións específicas, como a redución do uso de plásticos de un só uso e a promoción de prácticas sostibles.
- Guía de boas prácticas para empresas: Apoio ás empresas turísticas e enogastronómicas de Lugo para que adopten estratexias de economía circular, como o compostaxe ou a reutilización de materiais.
Por súa banda, o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou a relevancia desta medida para o turismo e o sector enogastronómico. "Este protocolo fará que os grandes eventos da nosa cidade, como o San Froilán, o Arde Lucus ou o Caudal Fest, sexan referentes non só pola súa oferta cultural, senón tamén pola súa xestión ambiental", indicou. “Apostar pola minimización de residuos non só beneficia ao medio ambiente, senón que tamén mellora a experiencia dos visitantes e o atractivo de Lugo como destino", engadiu.
Financiamento e execución
O protocolo está financiado na súa totalidade pola Unión Europea, a través dos fondos NextGenerationEU, e conta cun orzamento base de licitación de 35.688 euros (IVA incluído). O contrato executarase durante catro meses, período no que se elaborará o protocolo e se deseñarán as accións específicas para a súa implementación. Isto incluirá un diagnóstico da situación actual, un plan de acción para a redución e xestión de residuos, e un cronograma para a súa execución e avaliación.
Xa se publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación do contrato, co prazo de presentación de ofertas aberto ata o 13 de marzo.