O Concello de Lugo propón unha reunión para buscar financiamento para a Protectora

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, convocará unha reunión de traballo entre a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial, o Concello e a Protectora de Animais para definir o financiamento necesario da reforma integral das instalacións de Muxa.
O rexedor trasladou esta proposta á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez Mejuto, a través dunha carta na que lle pide “actuar con determinación e celeridade” para pechar un convenio de colaboración que faga realidade o proxecto.
Fernández explicou que o Concello xa conta coa consignación orzamentaria correspondente para asumir a súa parte do investimento e lembrou que a Deputación confirmou tamén a súa achega. “Queremos coñecer cal é a disposición real da Xunta para colaborar de maneira inmediata. O obxectivo é que Xunta, Deputación, Protectora e Concello poidamos asinar un convenio que garanta a viabilidade económica dunha actuación urxente e imprescindible”, sinalou.
O proxecto, redactado polos arquitectos Manuel Cortón Muinelo e Diego Vila Fernández, contempla un investimento superior aos 517.000 euros e un prazo de execución de tres anos. Inclúe a creación dun novo edificio de recepción e clínica veterinaria, unha residencia e zona de cuarentena para gatos, un parque de caniles sectorizado, melloras nas áreas de servizo, almacenaxe e aparcamento, así como a instalación de paneis solares e zonas de paseo para os animais.
O alcalde destacou o traballo “encomiable” que realiza a Protectora desde hai décadas, atendendo a centos de animais abandonados cada ano. “É de xustiza que conten cunhas instalacións dignas e adaptadas á normativa, que reflictan o compromiso de Lugo co benestar animal e co respecto ás entidades que traballan a pé de rúa”, subliñou.
Fernández lembrou que o Concello destinou máis dun millón de euros á Protectora nos últimos cinco anos e acompañou o proceso técnico para a legalización das actuais dependencias. “Agora é o momento de dar o paso definitivo e de que todas as administracións sumen esforzos. A colaboración institucional é a única vía para que Lugo conte cun espazo moderno e eficiente para a protección e coidado dos animais”, engadiu.
O rexedor concluíu sinalando que a reunión coa Consellería e co resto de axentes implicados debe servir para concretar o reparto de responsabilidades financeiras e dar unha resposta definitiva á situación das instalacións de Muxa. “Por fin, despois de moito tempo e grazas á mediación municipal, existe un proxecto viable e solvente; só falta vontade política para facelo realidade. Lugo e o benestar animal merecen ese compromiso conxunto, ao marxe das diferenzas políticas”, finalizou.