O Concello de Lugo proporá ao Pleno unha modificación orzamentaria de 6,4 millóns

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou elevar ao Pleno unha proposta de modificación orzamentaria por importe de 6.438.119,66 euros, co obxectivo de reforzar os servizos públicos, apoiar o tecido asociativo da cidade e mellorar a saúde financeira da administración local.
A iniciativa tramítase a través dun suplemento de crédito, financiado integramente co remanente líquido de tesouraría resultante da liquidación do orzamento municipal de 2024.
A principal partida desta modificación destinarase á amortización anticipada de débeda, cun total de 3.304.696,76 euros. Segundo o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, esta decisión permitirá “aliviar os orzamentos dos próximos anos e seguir reducindo o endebedamento municipal, que xa se atopa nun dos niveis máis baixos da última década”. O rexedor destacou que se trata dunha mostra da “boa saúde financeira do Concello” e do compromiso cunha “xestión rigorosa e responsable”.
Entre os investimentos previstos inclúese tamén a mellora de infraestruturas e servizos municipais, como o axuste dos sistemas de climatización e control de accesos nas instalacións das Caldas do Miño, cunha partida de 47.763,24 euros, así como a cobertura do IVE do contrato de limpeza dos centros municipais, por valor de 458.153 euros.
No ámbito do patrimonio e o medio ambiente urbano, o Goberno local reserva 15.000 euros para redactar documentos técnicos co fin de iniciar o proceso de declaración do parque Rosalía de Castro como Ben de Interese Cultural, ademais da elaboración dun informe sobre o estado das árbores da Volta da Viña, atendendo á preocupación veciñal.
En materia urbanística, prevese unha partida de 950.000 euros para a expropiación de terreos no barrio do Sagrado Corazón, co fin de garantir solo dispoñible para futuros equipamentos públicos, como o centro de saúde comprometido pola Xunta de Galicia.
A proposta incorpora tamén 750.506,66 euros para facer fronte ao pagamento do canon de verteduras á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, correspondentes aos exercicios 2022 e 2023, así como 51.000 euros para obras de reparación no Pazo de Feiras e Exposicións.
Finalmente, en apoio ao tecido asociativo, reservaranse 135.000 euros para subvencións deportivas —tanto nominativas como en réxime de concorrencia competitiva— e 100.000 euros para o patrocinio ao Club Deportivo Lugo.