O Concello de Lugo publica a listaxe provisional de subvencións para ANPAS

LugoXa
As axudas buscan fomentar a participación das familias na educación mediante actividades formativas e culturais ao longo do curso
Iria-Buide-colexios-Lugo
30 Oct 2025

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou a publicación da listaxe provisional do programa de subvencións dirixidas ás asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as (ANPAS) dos centros sostidos con fondos públicos do Concello de Lugo para desenvolver actuacións en materia de participación educativa. O investimento total ascende a 9.093,47 euros para as actividades das distintas asociacións durante o curso.

Segundo explicou Buide, con esta liña de axudas búscase "fomentar actividades que impliquen a participación das familias no sistema educativo, mellorando a formación e coñecemento deste e colaborando na creación de comunidades educativas". Este ano, como novidade, serán subvencionables actividades de formación sobre diferentes temáticas, como adiccións, educación emocional, primeiros auxilios ou igualdade, así como actividades culturais, incluíndo visitas a museos e excursións turísticas.

Dende a Concellería de Educación considérase que a implicación das familias é un factor esencial para alcanzar o éxito educativo. "É preciso apoiar dende as institucións esta participación dentro do ámbito das competencias de cada Administración, motivo polo que se pon en marcha esta liña de subvencións para as ANPAS", subliñou Buide. Ao mesmo tempo, lembrou que o Concello xa ofrece actividades extraescolares para axudar á conciliación, polo que estas subvencións teñen un obxecto distinto e non se poderán destinar a esas actividades.

Nesta listaxe provisional aprobanse 12 das 13 solicitudes presentadas, ao chegar unha fóra de prazo. Entre as actividades seleccionadas polas ANPAS atópanse obradoiros sobre crianza consciente e acompañamento na adolescencia, educación contra o bullying, saúde familiar, novas tecnoloxías aplicadas ao ensino ou primeiros auxilios.

⚙ Configurar cookies
0.076135158538818