O Concello de Lugo quere modificar a ordenanza de Emerxencia Social
O Executivo de Paula Alvarellos está a actualizar a ordenanza de Emerxencia Social co obxectivo de que sexa máis efectiva e acorde á realidade actual. Así o explica a propia alcaldesa, quen chama a atención sobre “o gran traballo realizado ao longo do último ano desde a área de Benestar Social para facer posible este cambio, e con el sacar adiante un documento con prestacións actualizadas, que priman as axudas máis necesarias e que ademais chegan a un maior número de beneficiarios e beneficiarias”.
Nesta modificación da ordenanza se tivo en conta a realidade actual e as problemáticas ás que se enfrontan as familias en situación de vulnerabilidade, así como as principais necesidades. Entre elas, destacan as prestacións para facer fronte aos gastos de aluguer, que tamén se actualizaron. Neste sentido a edil de Benestar Social, Olga López Racamonde sinala que “o ano pasado estas axudas foron as máis solicitadas polas 625 unidades familiares beneficiarias do programa de Emerxencia Social”. Estas foron as prestacións que se primaron por ser máis necesarias, e porque “todo apunta a que, dada a situación actual, seguirán crecendo”, explica López Racamonde, quen engade que “hai outros gastos que son cubertos polo Goberno central, como os de oftalmoloxía, de próteses, bucodentais ou o copago nas farmacias, o que nos permitiu incrementar outros máis solicitados como é o de aluguer”.
De feito, dos case 202.000 euros de gasto destinados o ano pasado a Emerxencia Social, máis da metade son para cubrir parte do custo do aluguer, sinala Racamonde. Ademais, a responsable de Benestar Social lembra que “desde o Concello de Lugo facémonos cargo dunha competencia que non é nosa, e que a Xunta non asume, e para a que ademais temos en marcha unha convocatoria específica para aluguer de 300.000 euros anuais que xestiona a área de Servizos Sociais”.
Ademais de para o pago da vivenda, o programa de Emerxencia Social cubre outros gastos de alimentación, auga e gas, gastos médicos, comedores escolares, alimentación infantil ou de mantemento.
Outro dos cambios que introducirá a ordenanza de Emerxencia Social se refire ao sistema de pago de axudas, que se modifica para acadar unha maior efectividade e transparencia, no caso dalgunhas prestacións, como poden ser os gastos para alimentación.