O Concello de Lugo quere que o centro de saúde da Milagrosa leve o nome de Plácido Vila
A área socialista do Goberno local defenderá no pleno ordinario deste mes unha proposición na que solicita ao Goberno autonómico, a través da Consellería de Sanidade, que o centro de saúde da Milagrosa leve o nome de Plácido Vila pola súa inestimable contribución no ámbito da xinecoloxía e da mediciña en xeral na nosa cidade.
“Este recoñecemento, que, na nosa opinión non pode ser máis xusto, é unha forma de honrar toda a súa contribución social e o seu gran legado humano. Coa elección do nome de Plácido Vila para este punto de atención primaria renderíaselle unha fermosa homenaxe e consumaríase un merecido xesto de aprecio pola súa dedicación en prol do benestar de varias xeracións de lucenses formalizando o que de facto xa é unha realidade social en Lugo, xa que gran parte da cidadanía identifica este centro de saúde co seu nome”, sinalou ao repecto a alcaldesa Paula Alvarellos.
Plácido Vila López é unha figura da medicina cuxo recordo perdura aínda na memoria de moitos lucenses. “O seu legado constitúe unha traxectoria profesional entregada á sanidade, que exerceu con vocación e xenerosidade. Constitúe o seu caso un nítido exemplo de, como el, moitas e moitos profesionais que, tendo que formarse lonxe de Lugo, decidiron regresar á nosa cidade para que todo o seu coñecemento e bo facer repercutise sobre a nosa comunidade”, proseguiu a rexedora, quen xa lle trasladou persoalmente esta petición ao anterior conselleiro tralo acto de presentación da remodelación do centro.
Durante moitos anos, Plácido Vila desempeñou o seu labor facultativo en todos os hospitais do municipio, onde supervisou a saúde das mulleres lucenses e axudou a nacer a miles de nenos e nenas en centro clínicos como o García Portela, o Ollos Grandes, o hospital provincial ou a súa consulta situada en tempo na rúa Castelao. Foi na década dos setenta cando decidiu abrir o seu propio centro médico, onde exerceu ininterrompidamente durante máis de 13 anos, e que estaba situado na rúa Río Ser, ata que este inmoble foi transferido á sanidade pública. Este edificio, onde se atopa agora o centro de saúde da Milagrosa, será obxecto dunha necesaria intervención por parte do Goberno autonómico co obxectivo de modernizalo e adaptalo aos estándares sanitarios do XXI.
“Con este motivo, desde o Grupo municipal socialista consideramos que preservar a memoria de profesionais destacadas e destacados, como é o caso de Plácido Vila López, contribúe a reforzar a nosa identidade como cidade. As historias compartidas, os logros alcanzados e os desafíos superados forman parte do tecido social e sanitario lucense, converténdose así en parte da nosa memoria colectiva”, concluíu Alvarellos Fondo.