O Concello de Lugo reabre os parques tras a alerta por vento e activa un operativo especial ante o temporal de neve

LugoXa
Transición Ecolóxica reforza os medios de limpeza e prevención para garantir a seguridade en rúas e beirarrúas
Parque-Rosalía-de-Castro-Lugo
23 Jan 2026

O Concello de Lugo informou da reapertura dos parques da cidade unha vez rematada a alerta por vento que obrigou a pechar estes espazos por motivos de seguridade. A decisión, adoptada pola área de Transición Ecolóxica, chega despois de que o episodio de fortes refachos, con rachas que alcanzaron os 70 quilómetros por hora, apenas provocase a caída dalgunhas ramas pequenas sen que se rexistrasen danos de consideración nas zonas recreativas.

A situación meteorolóxica levou tamén á activación do Plan de Emerxencias Municipal, que continúa operativo ante a alerta por neve prevista para esta xornada. As previsións apuntan a un descenso progresivo da cota de neve, que pasará dos 800 ou 700 metros ata os 400 metros ao final do día, con probabilidade de xeadas en distintos puntos da cidade.

Ante este escenario, a área de Transición Ecolóxica, a través da empresa concesionaria do servizo de limpeza, puxo en marcha un dispositivo especial con reforzo de persoal e medios materiais. O protocolo establece que os peóns de limpeza viaria leven sal nos seus carros para actuar de inmediato nas zonas nas que poida producirse xeo, co obxectivo de evitar caídas. Tamén se conta co material necesario para a retirada da neve en beirarrúas e zonas de paso, garantindo así a mobilidade peonil con seguridade.

O dispositivo complétase con esparexedores de sal manuais para axilizar os traballos, varredoras con cepillo de brazo para desfacer e retirar a neve acumulada e tres furgóns destinados á atención de urxencias e incidencias, cada un deles con dous operarios dotados de sal e do equipamento preciso para actuar en puntos especialmente perigosos.

Ademais, disporase de tres camións de caixa aberta cargados de sal, un deles destinado a atender as necesidades que traslade a Policía Local, outro equipado con coitela para a retirada de neve e o esparexemento de sal na contorna do HULA e un terceiro que percorrerá de maneira itinerante as distintas zonas da cidade. O operativo complétase con outros tres vehículos auxiliares, con dúas traballadoras repartindo sal nas áreas que o precisen e atendendo as indicacións de Protección Civil e da Policía Local.

⚙ Configurar cookies
0.086673974990845