O Concello de Lugo realizará labores de limpeza nun noiro da N-6 con restricións de tráfico

LugoXa
A actuación desenvolverase o 20 de marzo pola mañá e obrigará a habilitar desvíos provisionais na zona do Balneario
abeto-na-rúa-Santiago-N-6-Lugo
18 Mar 2026

O Concello de Lugo executará o vindeiro venres 20 de marzo traballos de limpeza de terra e pedras desprendidas dun noiro situado no acceso desde a estrada Nacional VI cara á Volta da Viña, nas proximidades do Balneario.

A intervención, coordinada pola Área de Transición Ecolóxica, responde á necesidade de retirar os materiais acumulados tras recentes desprendementos, co obxectivo de garantir condicións adecuadas de seguridade tanto para a circulación como para as persoas usuarias da vía.

Os labores desenvolveranse nun período aproximado dunha hora, entre as 09:30 e as 10:30 horas, e implicarán a ocupación puntual da calzada para a execución das tarefas con medios municipais.

Para facilitar o desenvolvemento da actuación, será preciso restrinxir temporalmente o acceso desde a N-6 cara á rúa Santiago no sentido de circulación en dirección A Coruña. Durante este tempo, cortarase o tránsito de vehículos no punto afectado, establecerase sinalización de obra e limitación de paso, e habilitarase un itinerario alternativo mediante desvío obrigatorio.

En concreto, colocaranse sinais de perigo por obras, dirección prohibida e indicación de paso obrigatorio cara á esquerda no acceso desde a Nacional VI. Ademais, delimitarase a zona de traballo mediante valado e instalarase sinalización visible en todos os accesos para reforzar a seguridade viaria.

O Concello asegura que se manterá en todo momento o tránsito peonil, así como o acceso ás vivendas e espazos da contorna en condicións seguras.

No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan a execución dos traballos na data prevista, informarase previamente dunha nova xornada para levar a cabo a intervención.

Desde a administración local recoméndase ás persoas condutoras que extremen a precaución na zona e que sigan as indicacións da sinalización provisional e da Policía Local.

0.11917114257812