O Concello de Lugo recibe á consulesa de Arxentina

LugoXa
Silvina Isabel Montenegro reuniuse coa alcaldesa e logo cos concelleiros nacionalistas
recepcion-consul-arxentina-psoe
Recepcións
19 Xul 2024

A Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu na Casa do Concello á consulesa Xeral da República Arxentina en Vigo, Silvina Isabel Montenegro. Durante o encontro, tratáronse temas de interese común para ámablas dúas entidades e destacouse a importancia de estreitar vínculos coa comunidade arxentina, moi presente e arraigada en Lugo.

"A experiencia e o coñecemento de Silvina, nun cargo que xa desempeñou anteriormente, é unha garantía para reforzar as nosas relacións e colaborar en proxectos que beneficien a ambas partes," sinalou a rexedora. "A comunidade de veciños e veciñas procedente de Arxentina, un país estreitamente vencellado con Galicia, participa activamente no día a día de Lugo, contribuíndo ao seu desenvolvemento social, cultural e económico. Fortalecer estes lazos é fundamental para seguir avanzando xuntos", concluíu a rexedora.

Tamén o tenente alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantiveron un encontro coa actual consulesa. A Tenencia de Alcaldía continuará a difundir as actividades que se organicen en Lugo para a comunidade arxentina do concello "e traballaremos na organización de novas actividades para difundir a cultura arxentina en Lugo", afirmou Arroxo.

Actualmente, residen en Lugo 127 persoas procedentes de Arxentina, xunto cun importante número de descendentes de persoas que volveron a Galiza da emigración, e que non contan como estranxeiros no padrón municipal. Rubén Arroxo destacou a importancia dos lazos que unen á poboación galega con Arxentina debido á emigración do século XX, "unha realidade á que como institución temos que atender debido ao importante peso da emigración na nosa historia recente".

A Tenencia de Alcaldía colabora tamén coas asociacións da comunidade arxentina da localidade. Rubén Arroxo lembrou que durante o 2023, coa celebración do 40 aniversario da volta da democracia a Arxentina, o Vello Cárcere foi o escenario dun ciclo de cine organizado pola asociación Rioplatenses de Lugo, onde se proxectaron 3 filmes que trataron distintos aspectos da ditadura, ou a colaboración do Concello no festival internacional de Tango TangoLíber, que se celebrou en Lugo entre o 11 e o 14 de xullo.

0.1448769569397