O Concello de Lugo reclama á Xunta unha resposta urxente ante a situación crítica do SAF

A concelleira de Benestar Social de Lugo, Olga López, esixiu á Xunta de Galicia que asuma o custo real do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), dote as horas necesarias e elimine as listas de espera que afectan xa a 593 persoas na cidade, fronte ás 410 que había hai dous anos.
A edil advertiu de que o Concello está sufragando o 43,4 % do custo total do servizo, o que supón case dous millóns de euros anuais, a pesar de que non é unha competencia municipal, e criticou que a Xunta só achega 12 euros por hora, dos que só 7 proceden da administración autonómica, cando o custo real ascende a case 21 euros.
López denunciou que o Goberno galego non está a cumprir coa súa propia normativa, que establece que debe cubrir a diferenza entre o custo total e a achega da persoa usuaria, e lembrou que a Lei 13/2008 obriga a transferir recursos cando se delegan competencias, algo que tampouco se está a facer.
A situación, segundo dixo, pon en risco a atención á poboación máis vulnerable, a pesar de que o Concello mantén un SAF municipal sen lista de espera e reforzou o persoal técnico para atender as urxencias sociais.
A concelleira tamén acusou á conselleira Fabiola García de eludir responsabilidades ao culpar ao Estado mentres non executa os servizos transferidos. Indicou que desde 2021 o Goberno central incrementou un 94 % os fondos para dependencia e que en 2023 transferiu 47,3 millóns de euros á Xunta, sen que esta os destinase á mellora do SAF nin á redución de listas de agarda. Por iso, pediu á Xunta que se sente a negociar con seriedade e cumpra coas súas obrigas.
Paralelamente, Olga López fixo balance das reunións que está a manter coas asociacións do ámbito social, sanitario e de integración.
Destacou iniciativas con entidades como Acougo, coa que organizará unha xornada sobre acollemento familiar; Alcer, coa que colaborará nun mural de homenaxe aos doantes; Alucem, que xa conseguiu a mellora da climatización da súa sede; Aspace, coa que estuda a instalación dun cambiador adaptado en espazos municipais; e Dano Cerebral Lugo, co obxectivo de buscar unha nova sede axeitada. “Queremos que as entidades saiban que este Goberno local está da súa parte”, concluíu.