O Goberno local reforza a súa colaboración coa Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoi

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e a edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, recibiron no Concello de Lugo a integrantes da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoi.
Durante o encontro, avaliaron as necesidades da entidade coa finalidade de manter as vías de colaboración existentes nos últimos anos. "Esta asociación é un piar importante da programación da Tenencia de Alcaldía, ao colaborar en distintos eventos ao longo do ano", destacou Iria Buide.
Nos últimos anos, a Tenencia de Alcaldía levou a cabo un importante esforzo para mellorar as instalacións que utiliza a asociación no barrio de Albeiros. Entre as actuacións máis relevantes, destaca a renovación da cuberta do edificio, unha medida que permitiu mellorar a eficiencia enerxética e reducir os custes de mantemento que afronta o Concello.
Esta actuación, executada no pasado mandato, contou cun investimento de preto de 40.000 euros por parte da Concellería de Educación.
A Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoi ten como obxectivo principal defender e reivindicar a importancia educativa da familia nos primeiros anos de vida, ademais de promover a lingua, a cultura e o coñecemento como elementos fundamentais para o desenvolvemento persoal.
A entidade aposta por fomentar unha práctica parental positiva, considerando o fogar como o primeiro e máis relevante espazo de aprendizaxe para a infancia.