O Concello de Lugo reforza o seu compromiso co teatro local no Día Mundial do Teatro

LugoXa
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro reuníronse coas agrupacións teatrais e destacaron a apertura dos espazos municipais e a calidade da programación escénica
Día-do-Teatro-Lugo-2026
27 Mar 2026

O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantiveron un encontro coas principais agrupacións teatrais da cidade con motivo do Día Mundial do Teatro, no que renovaron o compromiso da Tenencia de Alcaldía co tecido cultural local.

Durante a reunión, Maite Ferreiro destacou que as instalacións municipais continúan abertas ás necesidades das compañías e colectivos, facilitando o uso dos espazos para ensaios, representacións e actividades formativas. Neste sentido, subliñou a importancia de manter unha colaboración constante co sector para favorecer o seu desenvolvemento.

A edil explicou que a programación anual do Concello inclúe o mellor do teatro galego xunto cunha selección de propostas premiadas en festivais, co obxectivo de ofrecer á veciñanza unha oferta escénica variada, estable e de calidade ao longo de todo o ano.

Ferreiro puxo en valor o traballo das agrupacións teatrais lucenses, tanto profesionais como afeccionadas, destacando o seu papel na dinamización cultural e na creación de novos públicos. Ademais, trasladoulles a vontade do Goberno local de seguir traballando de maneira coordinada para reforzar o papel de Lugo como referente cultural.

A responsable de Cultura incidiu tamén na “gran calidade” da programación teatral municipal, sinalando que cada ano se aposta polas mellores producións de artes escénicas feitas en Galicia como fío condutor das distintas propostas, deseñadas tanto para o público habitual como para facilitar o achegamento ao teatro a novas audiencias.

0.26036500930786