O Concello de Lugo reforza o seu compromiso coas escolas infantís

LugoXa
“Seguiremos a realizar un gran esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias, mentres agardamos a que a Xunta se faga cargo das súas competencias"
escola-infantil-piringalla-lugo
24 Jun 2025

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, visitou a Escola Infantil María Wonenburger, na Piringalla, onde puxo en valor o "importante papel" que desempeñan as escolas infantís municipais no "desenvolvemento harmónico e integral das nenas e nenos", destacando tamén o seu labor de apoio á función educativa das familias e a súa contribución á conciliación laboral.

Durante a visita, Buide lembrou que a Tenencia de Alcaldía xa completou o proceso ordinario de matrícula para o curso 2025-2026 e indicou que esta toma de contacto serve para coñecer de primeira man as necesidades da instalación e garantir a calidade do servizo de cara ao inicio do novo curso.

A responsable municipal explicou que as escolas infantís municipais ofrecen un servizo integral cunha vertente tanto social como educativa, que abrangue desde a aprendizaxe básica ata aspectos como a comunicación, a linguaxe, as relacións sociais ou o descubrimento do entorno, traballando de maneira coordinada coas familias e o contorno. Tamén destacou a importancia do compoñente asistencial, que inclúe coidados fundamentais como a hixiene, a limpeza, a alimentación ou a atención sanitaria.

Buide sinalou que o Concello de Lugo realiza un investimento anual superior ao millón e medio de euros para o mantemento destas escolas, un esforzo que, segundo subliñou, responde á vontade de seguir prestando un servizo que é competencia da Xunta de Galicia.

“Desde o Concello de Lugo realizamos un gran esforzo para cumprir cunha competencia, a educación infantil de 0 a 3 anos, que é da Xunta de Galicia”, afirmou, engadindo que “seguiremos a realizar un gran esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias, mentres agardamos a que a Xunta se faga cargo das súas competencias e xestione directamente estas escolas”.

⚙ Configurar cookies
0.20803999900818