O Concello de Lugo retoma o proceso para adxudicar a cafetería do Vello Cárcere
O Concello de Lugo retomará este mércores a adxudicación da cafetería do Vello Cárcere autorizando, novamente, o anuncio da licitación nos termos da última convocatoria publicada.
Así, o Executivo de Lara Méndez manterá nos 100 euros mensuais (1.200 € ao ano) o canon mínimo para a explotación do local coa vontade de que a concesión, que terá unha duración inicial de dez anos, prorrogable por outros cinco, resulte atractiva.
“Vimos de detectar certo interese empresarial por asumir a xestión do establecemento, nas mesmas condicións xa ofertadas pola Administración local, de xeito que optamos por non varialas nin incrementar o prezo para favorecer a presentación de candidaturas, sendo sabedores, ademais, de que a súa posta en marcha esixirá dun esforzo inversor para acometer a instalación de todo o mobiliario e completar o seu equipamento”, sinalou a tenenta de alcaldesa e concelleira de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos, Paula Alvarellos.
A concelleira indicou, así mesmo, que, para escoller a oferta máis vantaxosa, o Concello terá en conta aquela que supoña un maior valor engadido para a cidade, tomando como aspectos moi importantes da mesma a calidade das melloras e do embelecemento que se vaia realizar na cafetería, a estética máis axeitada para o local así como a proposta máis innovadora. “As e os interesados, deberán presentar por tanto unha memoria na que relaten a forma prevista de organización e de funcionamento da actividade de hostalaría / restauración a desenvolver, así como unha descrición detallada e a valoración dos medios materiais e do gasto que teñen previsto efectuar", abondou.
Neste mesmo senso, Paula Alvarellos lembrou que o Goberno de Lara Méndez leva destinado xa preto de 30.000 euros para acondicionar e modernizar as instalacións, ás que se dotou dun acceso independente, nun dos laterais do inmoble, orientado a que a apertura e peche do local non estivera supeditado ao horario do recinto cultural, así como a diferentes melloras relacionadas coa accesibilidade.
“A nosa intención é ofrecer unhas boas condicións que incentiven á explotación desta cafetería cuxa entrada en funcionamento non só contribuirá a ampliar a oferta hostaleira da cidade senón que a súa apertura será, tamén, un novo reclamo turístico co que poremos en valor o patrimonio local, tendo en conta ademais a próxima peonalización que se prevé para esta contorna”, concluíu a edil.