O Concello de Lugo renova a pasarela do Carril das Flores e prepara a cabalgata de Reis 2026

LugoXa
A Xunta de Goberno tamén aproba a renovación do contrato de gas natural municipal e a contratación das carrozas para xaneiro
Xunta-de-Goberno-Concello-de-Lugo
22 Oct 2025

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta este mércores dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno por parte da Tenencia de Alcaldía. Entre as decisións, destacou a renovación da pasarela do Carril das Flores, dentro do proxecto integral de reforma desta rúa.

A nova pasarela construiráse cunha estrutura metálica lixeira sobre piares e vigas, coa cimentación soterrada, mantendo íntegro o muro orixinal e ampliando o ancho da parte inferior en, polo menos, 1,2 metros.

“Deste xeito, conseguimos unha integración estética que aporta continuidade á Mosqueira e á praza do Camiño Primitivo, dando unha imaxe de uniformidade ao longo do Carril das Flores”, explicou Rubén Arroxo.

A parte superior manterá o pavimento de plaqueta, mentres que a zona inferior contará cunha calzada de formigón e unha área peonil de granito, con xardineiras de aceiro Corten e novos bancos. Ademais, instalarase un falso teito de cor clara para mellorar o ambiente visual da zona.

O orzamento da actuación é de 339.245,44 euros, cun prazo de execución de sete meses, e a empresa adxudicataria será Construcións Sanle. Arroxo destacou que “está previsto que a primeira fase estea finalizada antes do verán de 2026, coincidindo co aumento de peregrinos que percorren o Camiño Primitivo”. Tamén se continúa traballando na mellora da esquina do Carril das Flores con Montero Ríos.

CABALGATA DE REIS

A Xunta de Goberno tamén aprobou o inicio do procedemento de adxudicación para o subministro de catro carrozas en réxime de alugueiro destinadas á Cabalgata de Reis de 2026, cun orzamento de 63.313,25 euros.

O contrato inclúe deseño, decoración e todos os elementos necesarios para o correcto funcionamento das carrozas, que desfilarán o 5 de xaneiro ás 18:00 horas. “É un dos actos máis multitudinarios e esperados pola veciñanza de Lugo”, sinalou Arroxo. As carrozas serán tres para os Reis Magos e unha máis para paxes e agasallos, con temáticas de animais fantásticos e reais, terrestres, mariños e aéreos.

Ademais, aprobouse a renovación do contrato do servizo de gas natural municipal, adherido á Central de Contratación da FEMP desde maio de 2023 para conseguir mellores condicións económicas e estabilidade nos prezos. O lote correspondente ao gas natural foi adxudicado á empresa Gas Natural Comercializadora tras recibir propostas tamén de Endesa Enerxía.

⚙ Configurar cookies
0.081766843795776