O Concello de Lugo renova a rúa Cambria para mellorar o entorno do CEIP Rosalía de Castro

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo está a culminar a renovación da rúa Cambria co obxectivo de mellorar o entorno do CEIP Rosalía de Castro e crear un espazo de convivencia semellante ao existente na contorna do Colexio Luís Pimentel, segundo explicou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo. O proxecto inclúe a aplicación do modelo de plataforma única con preferencia peonil, que xa funciona noutros puntos da cidade, así como a creación de novas áreas verdes e zonas de descanso con bancos.
Arroxo sinalou que os traballos están practicamente rematados e que a nova imaxe da rúa ofrece “un entorno máis amable coas persoas e con maior seguridade peonil”. O único que resta é a instalación do novo mobiliario urbano. Ademais, modificouse o sentido de circulación “para mellorar a fluidez do tráfico despois da renovación”, unha medida adoptada tras as peticións da veciñanza, segundo apuntou o tenente de alcalde.
O CEIP Rosalía de Castro é un dos cinco centros educativos da cidade incluídos no programa de vieiros escolares seguros, que busca facilitar a conciliación familiar, fomentar hábitos de vida saudables e reducir o tráfico rodado nas inmediacións dos colexios. Arroxo explicou que esta actuación complementa o proxecto “Camiño ás Aulas”, co que o Concello pretende humanizar as contornas escolares.
As obras consistiron na renovación integral da calzada e das beirarrúas, coa creación dunha plataforma única ao mesmo nivel, separando a zona de acceso ao centro educativo mediante espazos axardinados e bancos. Tamén se substituíu a rede de abastecemento por novas tubaxes de fundición dúctil e instaláronse canalizacións para o alumeado público. A rúa construíuse con formigón desactivado, un material empregado noutros puntos da cidade pola súa durabilidade e reducida necesidade de mantemento.
A intervención, cun investimento municipal de 124.078,45 euros, enmárcase no obxectivo da Tenencia de Alcaldía de ampliar os espazos de convivencia cidadá e mellorar as contornas escolares con zonas humanizadas. O novo mobiliario urbano instalarase nos próximos días, completando así a renovación da rúa Cambria.