O Concello de Lugo renova contratos de EPIs e reforza a programación cultural no Gustavo Freire

LugoXa
Durante a Xunta de Goberno, a portavoz socialista, Ana Abelleira, esixiu transparencia e mostrou o seu apoio ás vítimas das denuncias internas contra José Tomé
Xunta-de-Goberno local Lugo
10 Dec 2025

A Xunta de Goberno local do Concello de Lugo aprobou a renovación do contrato de material de protección individual para o persoal do Mercado Municipal e do Cemiterio de San Froilán, así como un convenio con AGADIC para impulsar novas actividades culturais no auditorio Gustavo Freire.

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, explicou que o contrato de subministro de equipos de protección individual (EPIs) “permitirá garantir as condicións adecuadas de seguridade laboral do persoal que traballa en servizos municipais fundamentais”. O acordo terá unha duración dun ano, con posibilidade de cinco prórrogas, e conta cun orzamento base de licitación de 9.121,21 euros, incluíndo botas, luvas, máscaras e outros elementos necesarios para o día a día das traballadoras e traballadores municipais.

Sobre o convenio cultural, Arroxo destacou que “este acordo permite que Lugo continúe a ser un referente na programación cultural, con propostas de calidade para todo tipo de públicos”. A achega do Concello é de 42.454 euros e posibilitou a realización de 13 actividades no segundo semestre de 2025, que abarcan espectáculos de danza, teatro para público adulto e propostas para o público infantil.

O tenente alcalde precisou que o auditorio Fuxan os Ventos non formou parte deste semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios porque “cando se iniciou a tramitación do convenio, a comezos do 2025, o novo espazo cultural aínda estaba en fase inicial de actividade”. Con todo, engadiu, a partir de 2026 tanto o Gustavo Freire como o Fuxan os Ventos integraranse na Rede, ampliando a capacidade cultural da cidade.

No ámbito político, a portavoz municipal do PSOE, Ana Abelleira, expresou o seu apoio ás vítimas das denuncias presentadas polos medios internos do partido, cualificando a situación de “desagradable" e "que non debería terse cometido”. Reiterou a súa solidariedade coas mulleres afectadas e esixiu ao PSOE que actúe con transparencia e rigor, establecendo as canles necesarias para esclarecer os feitos e tomar as medidas pertinentes.

⚙ Configurar cookies
0.078881025314331