O Concello de Lugo renova o contrato de enterramento para persoas sen recursos

A Xunta de Goberno local de Lugo aprobou a renovación do contrato de enterramento para persoas sen recursos. Renóvase un contrato que terá unha duración dun ano cun máximo de 4 prórrogas, adxudicado á funeraria Albia, cun prezo unitario de 701,80 euros por enterramento, coas partidas orzamentarias dispoñibles de 69.297,50 euros. O Concello presta, de xeito gratuíto, os traballos de recollida do cadáver e traslado ao cemiterio, así como os medios materiais necesarios para a prestación deste servizo nos casos de persoas con baixos recursos.
Segundo a ordenanza reguladora, están exentos os servizos que se presten con ocasión de enterramentos de cadáveres cando se trate de persoas sen recursos, ben perceptores do salario social (RISGA), ou ben de persoas non integradas nas canles de axuda social das que, pola súa condición de transeúntes ou outras circunstancias especiais, se descoñezan datos relativos á súa situación económica e/ou familiar. Estas circunstancias deberán xustificarse nun informe social, ademais dos enterramentos que ordene a Autoridade Xudicial na sección de comúns do cemiterio.
Nestes casos, serán por conta do Concello os gastos mínimos imprescindibles para poder efectuar o enterramento, que se realiza nun espazo reservado para este fin na zona nova do Cemiterio. Transcorridos 5 anos, eses restos deposítanse nos osarios, onde permanecen durante 6 meses e, unha vez ao ano, incinéranse e deposítanse no cinceiro xeral do Cemiterio. A área de Participación pode repercutir estes gastos ás persoas interesadas que soliciten exhumación e traslado do cadáver para outra unidade de enterramento ou para outro cemiterio antes da finalización do prazo de 5 anos estipulado legalmente para a apertura da sepultura. No ano 2024, o Concello asumiu o custo de 9 enterramentos.
OUTROS ASUNTOS
Sobre o Cuartel de San Fernando, Rubén Arroxo destacou que “tamén é importante poñer sobre a mesa que o concello ten que dar un paso porque a Xunta leva 18 anos incumprindo un acordo que tiña para crear catro museos históricos, un en cada provincia”. Arroxo asegurou que a Xunta leva anos “incumprindo sistematicamente” este acordo e reclamou á Xunta “que se implique, porque, efectivamente, este é un proxecto moi grande, un proxecto que ten que ser a nivel galego, como foron os outros tres museos e, polo tanto, a Xunta ten que cumprir con Lugo como acordou no seu día”.
Arroxo afirmou que, ante o movemento liderado polo Concello, “agardamos que a Xunta cambie a posición e apoie por fin un proxecto de peso para Lugo como o Museo da Romanización”.
Sobre os orzamentos, Rubén Arroxo destacou que sería difícil para o Partido Popular xustificar un voto en contra a uns orzamentos “con proxectos importantes para Lugo”. Segundo Arroxo, isto implicaría que o PP fixese “a mesma estratexia que fan en Serra de Meira: deixalo abandonado durante anos e anos”.
“Gustaríame saber que van dicir se votan en contra de proxectos como a climatización da escola infantil de Gregorio Sanz, ou de que se repinte a sinalización horizontal, ou da reparación de varias rúas que solicitaron os propios veciños”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “creo que o Partido Popular tamén ten que aclarar se van votar en contra e deixar tirados todos estes proxectos”.