O Concello de Lugo renova o convenio de colaboración co Círculo das Artes
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o Goberno de Lugo vén de aprobar a renovación da subvención que a área de Cultura outorga anualmente ao Círculo das artes.
Ferreiro explicou que a área de Cultura achegará 5.500 euros ao Círculo, “o que nos permitirá levar programación cultural para toda a veciñanza a unha das instalacións máis recoñecidas e con máis historia da cidade”.
A concelleira de Cultura valorou positivamente “a implicación do Círculo na vida cultural de Lugo”, e destacou a colaboración que desde esta institución se mantén coa área de Cultura á hora de acoller actividades “como a semana do Jazz, a Semana de Música do Corpus, e diversas actividades relacionadas coas artes escénicas”. “Cada ano, a directiva do Círculo e a área de Cultura mantemos diversas reunións para coordinar as actividades a organizar nesa instalación, buscando que as actividades que acolle o Círculo sexan do gusto de toda a veciñanza de Lugo sen perder de vista a singularidade da instalación”, afirmou Maite Ferreiro.
Maite Ferreiro destacou a programación cultural de Lugo, “unha programación ampla e diversa, con contidos de calidade recoñecidos por diversos premios a nivel galego, estatal e internacional, e cunha gran selección de actividades durante todo o ano”.