O Concello de Lugo renova o saneamento e o abastecemento na rúa Pintor Pacios

LugoXa
As obras, cun orzamento de máis de 64.000 euros, permitirán substituír as canalizacións antigas e modernizar a rede de auga e saneamento nun prazo de catro meses
saneamento-e-abastecemento-na-rúa-Pintor-Pacios-Lugo
7 Nov 2025

O Concello de Lugo está a desenvolver as obras de renovación do sistema de saneamento na marxe dereita da rúa Pintor Pacios, unha intervención destinada a modernizar as infraestruturas hidráulicas dun tramo no que se detectaran filtracións e deficiencias nas antigas canalizacións de formigón e PVC. O proxecto permitirá mellorar o servizo e garantir unha rede máis eficiente e sustentable.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que “esta obra mellora a infraestrutura básica dun barrio consolidado e garante un servizo de calidade para os veciños e veciñas. Son actuacións que non sempre se ven, pero que teñen un impacto directo na seguridade, na eficiencia e na sustentabilidade da cidade”.

A intervención contempla a substitución do colector de formigón por un novo colector de PVC, a instalación de pozos de rexistro, sumidoiros e a renovación das acometidas domiciliarias. Ademais, dado que o trazado das redes de saneamento e abastecemento discorría moi próximo, o Concello decidiu aproveitar a actuación para renovar tamén a rede de abastecemento de auga, executada agora en tubaxe de fundición.

“O novo sistema inclúe chaves de paso, bocas de rega, bocas de incendio e a renovación completa das acometidas aos edificios, mellorando a presión, a durabilidade e o rendemento da rede. Continuamos así co noso plan de renovación progresiva das redes hidráulicas, con obras que melloran o rendemento do sistema e reducen perdas de auga, filtracións e custos de mantemento”, explicou o rexedor.

O proxecto contempla tamén a reposición integral do pavimento da beirarrúa en toda a súa anchura, recuperando o aspecto orixinal da vía e garantindo a accesibilidade peonil. As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Sanle Lugo S.L., contan cun orzamento de 64.387,96 euros e un prazo de execución de catro meses.

Miguel Fernández concluíu sinalando que “estas melloras en saneamento e abastecemento forman parte do compromiso do Goberno local cun Lugo que se coida desde o subsolo, facendo da eficiencia e do mantemento responsable unha prioridade da nosa política urbana”.

⚙ Configurar cookies
0.097959041595459