O Concello de Lugo renova un tramo do colector de saneamento na rúa Chantada

O Concello de Lugo atópase a piques de rematar a renovación dun tramo do colector de saneamento na rúa Chantada, comprendido entre os números 42 e 46 e ata a intersección con Xermán Alonso, unha zona na que se rexistraban frecuentes atascos, acumulación de sedimentos e incidencias durante episodios de choiva intensa. Trátase dunha actuación que dará solución definitiva ás deficiencias detectadas na rede e permitirá optimizar a evacuación das augas.
O proxecto contempla a substitución do antigo colector de formigón por unha nova tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro, máis estanca e eficiente, así como a execución de novos pozos de rexistro, sumidoiros e acometidas domiciliarias. O colector vello presentaba un notable deterioro, que dificultaba o correcto funcionamento da rede e obrigaba a intervencións de mantemento periódicas.
O alcalde, Miguel Fernández, destacou que esta obra “forma parte do compromiso do Goberno local cun Lugo que se coida desde o subsolo, renovando redes que teñen décadas de uso e que precisaban unha intervención para garantir un servizo estable e seguro”. Engadiu que “estas melloras non só previrán novas incidencias, senón que tamén permiten reducir custos de mantemento e aumentar a eficiencia do sistema”.
Os traballos inclúen tamén a reposición integral da beirarrúa ao longo do tramo afectado, dado que a apertura da zanxa obriga a repoñer o pavimento en todo o seu ancho. A nova plataforma peonil executarase con acabado acorde ao existente, garantindo accesibilidade e continuidade no tránsito de peóns.
A obra, cun investimento municipal de 35.850 euros, atópase xa nos últimos labores de reposición do pavimento e revisión final da canalización antes da súa posta en servizo.
Fernández concluíu subliñando que “seguiremos actuando barrio a barrio, modernizando infraestruturas básicas que non sempre son visibles, pero que sosteñen o funcionamento da cidade e melloran a calidade de vida da xente”.