O Concello de Lugo renovou máis de 300 luminarias en diversos puntos da cidade

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta dos traballos executados nas últimas semanas dentro do plan municipal de renovación da rede de alumeado público, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e garantir unha iluminación de calidade en toda a cidade.
Nas últimas semanas, a Tenencia de Alcaldía executou actuacións en varias rúas por toda a cidade, renovando máis de 300 luminarias e acadando un aforro enerxético anual de 146.153 kWh, con actuacións realizadas en distintas zonas.
Nas rúas Monforte, Luís Cordeiro, Narciso Peinado e Serra de Ancares substituíronse 28 luminarias antigas, de entre 168 e 276W, por 62 puntos LED de 3 a 25W, conseguindo un aforro anual de 886 kWh.
Na Avenida Infanta Elena renováronse as 44 luminarias existentes (de 276 a 430W) por outras tantas de tecnoloxía LED de 163 a 218W, cun aforro anual de 31.596 kWh.
Na Rolda da Muralla substituíronse 84 luminarias (de 113 a 276W) por 84 novas de 75 a 95W, acadando un aforro anual de 56.154 kWh.
En Campo Castelo renováronse 63 luminarias (de 78 a 168W) por outras tantas de 35 a 40W, cun aforro anual de 32.482 kWh e en Castelo de Abaixo substituíronse 77 luminarias de 80W por 30 de tecnoloxía LED, cun aforro de 16.555 kWh ao ano. -
Pola súa parte, nas rúas Isaac Díaz Pardo, Pascual Veiga, Ribadeo e Avelino Pousa Antelo renováronse 7 luminarias de 276W por 7 de 100W, cun aforro anual de 5.298 kWh.
E, por último, na Rolda Norte e Accesos As Gándaras instaláronse 18 novos puntos LED de 60W, ampliando a cobertura de alumeado no entorno.
Ademais, Arroxo destacou os traballos executados en Recatelo, "que completan a renovación integral da contorna despois de estar practicamente rematada a peonalización integral dun dos barrios máis importantes de Lugo, que conectan o casco histórico co parque de Rosalía", e afirmou que "instalamos alumeado público nos accesos ao polígono das Gándaras desde a Rolda Norte, unha reclamación da veciñanza á que damos resposta desde a Tenencia de Alcaldía".