O Concello de Lugo repartirá 400 vales para libros e material escolar a partir do luns

As oficinas da Concellería de Educación, situadas no terceiro andar do Centro Uxío Novoneyra, comezarán o vindeiro luns coa entrega dos vales para a compra de libros de texto e material escolar. En total, repartiranse 400 cheques de 100 euros, ata completar os 40.000 euros destinados este ano a esta liña de apoio.
O único criterio para a concesión das axudas é a renda per cápita anual da unidade familiar, quedando fixado o tope no 85% do IPREM. Nesta convocatoria, a concellería recibiu 711 solicitudes, das cales 400 foron finalmente atendidas.
As listaxes definitivas poden consultarse no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal. Os vales estarán dispoñibles para a súa recollida entre o luns 15 e o venres 26 de setembro, e poderán empregarse nas librarías da cidade ata o 10 de outubro.
A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, destacou que se cumpre cos prazos previstos e que a entrega se fai nas primeiras semanas do curso, co obxectivo de facilitar ás familias o acceso ao material escolar no menor tempo posible.