O Concello de Lugo rescinde o contrato coa empresa encargada dos desfibriladores públicos

LugoXa
O Concello de Lugo vén de iniciar o procedemento para rescindir o contrato á adxudicataria da subministración dos desfibriladores
Desfibriladores Concello Lugo
9 Feb 2023

O Concello de Lugo vén de iniciar o procedemento para rescindir o contrato á adxudicataria da subministración, instalación e mantemento integral dos 57 desfibriladores e 10 totems exteriores instalados nos edificios municipais e prazas da cidade, ante os incumprimentos do mesmo.

A medida foi aprobada en Xunta de Goberno, debido a que a empresa non estaba a realizar nin o mantemento integral dos equipamentos nin tampouco iniciara a formación básica sobre o seu manexo e as técnicas de reanimación cardiopulmonar, que eran obxecto esencial da prestación.

Así mesmo, o Executivo local validou, de forma simultánea á tramitación deste procedemento, o inicio dunha nova licitación para asumir estas dúas tarefas por importe de 115.380 euros (autorizando un gasto de 57.057€ para o exercicio en curso), destinados a asumir o mantemento dos equipos durante un mínimo de 3 anos e a impartir os devanditos cursos nun prazo de seis meses.

Por outra parte, na sesión desta mañá, o equipo de Goberno, acordou, así mesmo, dar traslado ao Consello Consultivo de Galicia para que o ente autonómico informe ás alegacións presentadas pola empresa Proyecon Galicia contra o procedemento de resolución do contrato que tiña adxudicado para executar a renovación das redes de abastecemento e saneamento no Grupo La Paz.

A Administración local considera imputable á empresa os reitarados incumprimentos do prazo de execución da obra, xa que transcorrido o 80% do tempo establecido para os traballos só tiñan materializado o 6’53% do orzamento previsto.

Neste caso, o Concello recorrera a un procedemento pola vía da urxencia para abordar a rescisión e a licitación dun novo contrato, cuxa tramitación queda agora en suspenso ata que o Consello Consultivo de Galicia emita o seu ditame.

0.21204400062561