O Concello de Lugo revisará os protocolos de seguridade tras a fuga dunha vaca no Desfile do Gando do San Froilán

LugoXa
O goberno local lamenta o suceso que deixou unha muller ferida grave e informa de que a Policía Local elabora un atestado sobre o acontecido
Xunta-de-Portavoces-Lugo
7 Oct 2025

O Concello de Lugo celebrou unha xunta de portavoces coa presenza do alcalde, Miguel Fernández, do tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e de representantes dos distintos grupos políticos da corporación, na que se informou sobre o sucedido no Desfile do Gando do pasado domingo, enmarcado nas festas do San Froilán.

Durante o evento, unha vaca que participaba no desfile escapou e causou feridas a dúas persoas. Unha muller de 31 anos resultou golpeada polo animal e permanece ingresada en estado grave na UCI do Hula.

O goberno local expresou o seu pesar polo incidente e comunicou que a Policía Local está a elaborar un atestado para esclarecer o sucedido. Ademais, deu conta á oposición do traballo previo á organización do desfile, que contou cunha planificación específica de seguridade. O pasado 29 de setembro celebrouse unha Xunta Local de Seguridade coa participación de todos os corpos policiais —Policías Local e Nacional e Garda Civil—, Protección Civil, bombeiros e representantes municipais, para analizar os operativos previstos nas máis de 200 actividades do programa do San Froilán.

Así mesmo, o xoves 2 de outubro, representantes do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo reuníronse coa Policía Local para abordar cuestións concretas relacionadas coa seguridade do Desfile do Gando. Durante a súa celebración, o evento contou con efectivos da Policía Local e Nacional, ademais de persoal de seguridade privada achegado polo propio Pazo de Feiras, organizador do acto. As asociacións participantes tamén achegaron veterinarios que supervisaron o benestar dos animais.

O Desfile do Gando, que leva 18 anos celebrándose, simboliza a orixe feiral das festas do San Froilán. O Concello de Lugo avanzou que, de cara á próxima edición, revisaranse os protocolos de seguridade co obxectivo de previr, na medida do posible, que se repitan sucesos semellantes.

⚙ Configurar cookies
0.21177220344543