O Concello de Lugo solicita a Telefónica que retire as cabinas inutilizadas da cidade
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, vén de remitir unha carta ao director da zona norte de Telefónica, Manuel Alonso, para solicitar a retirada das cabinas telefónicas inutilizadas que están instaladas no concello de Lugo. O concelleiro de Infraestruturas defende que “no Concello de Lugo contamos con varias cabinas telefónicas que están completamente abandonadas, e que están a supoñer problemas para a accesibilidade de moitas veciñas e veciños”.
Alexandre Penas explicou que “a lexislación vixente permite a retirada das cabinas que non foron utilizadas durante o último ano ou as que non funcionan”, e engadiu “desde o Goberno de Lugo buscamos mellorar a imaxe da cidade retirando infraestruturas que quedaron completamente obsoletas”. Desde a concellería de Infraestruturas Urbanas búscase abrir vías de colaboración con Telefónica para “retirar todas as cabinas que sexan posibles, cumprindo coa legalidade vixente”, segundo explicou Alexandre Penas.
O edil de Infraestruturas busca “replicar as accións que xa se fixeron noutras cidades de todo o estado” para “mellorar a imaxe da cidade e o benestar das veciñas e veciños.