O Concello de Lugo talará dous tilos en Ramón Ferreiro tras detectarse un risco elevado de caída

LugoXa
Un informe técnico conclúe que as árbores presentan danos estruturais graves e deberán ser substituídas conforme ao plan municipal de arborado
árbores-Ramón-Ferreiro-Lugo
8 Dec 2025

O Concello de Lugo anunciou que procederá á tala de dous tilos situados na Avenida Ramón Ferreiro, á altura dos números 14 e 21, despois de que un informe técnico municipal determinase que ambos exemplares presentan un risco elevado de caída ou ruptura, o que supón unha ameaza directa para a seguridade tanto da cidadanía como do tráfico rodado.

Segundo o documento elaborado polos enxeñeiros da empresa concesionaria do mantemento de parques e xardíns, os dous exemplares de Tilia platyphyllos atravesan unha situación crítica derivada do seu estado estrutural e das condicións do contorno no que se atopan.

O informe detalla que o tilo nº 1, situado diante do paso de peóns fronte á oficina do DNI da Policía Nacional, incrementou de maneira notable a súa inclinación entre 2018 e 2025, ladeándose cara ao nordeste e proxectándose perigosamente sobre a calzada. O sistema radicular atópase moi comprometido, confinado entre pavimentos duros e afectado por anteriores obras de repavimentación, o que podería provocar un colapso inesperado. Ademais, as pólas de maior tamaño sobresaén do bordillo e corren o risco de sufrir impactos de autobuses ou camións. Por todo isto, considérase imprescindible a súa tala inmediata e posterior reposición.

O tilo nº 2, situado á altura do número 14, sufriu en maio de 2023 un sinistro que lle provocou a perda de corteza nun tramo de máis dun metro e na metade do perímetro do tronco. Esta lesión orixinou un proceso de pudrición progresiva que compromete seriamente a súa estabilidade, aumentando o risco de rotura tanto na zona afectada como na base. Os técnicos municipais recomendan tamén a súa tala e substitución nun prazo máximo dun ano.

O Concello lembra que estas actuacións forman parte das tarefas habituais de control e conservación da masa arbórea urbana, guiadas por criterios técnicos e polo obxectivo prioritario de garantir a seguridade das persoas. O goberno local destaca que ambos exemplares serán repostos segundo o plan municipal de arborado e que a súa substitución terá lugar na próxima primavera, unha vez que se complete a desactivación biolóxica dos sistemas radiculares actuais.

⚙ Configurar cookies
0.090230941772461