O Concello de Lugo traballa con asociacións municipais para mejorar os seus recursos asistenciais

A Área de Cohesión Social do Concello de Lugo, liderada pola edil Olga López Racamonde, está a reunirse coas organizacións e asociacións que traballan no eido do benestar social e a integración do municipio.
Así, acordouse realizar unha xornada informativa sobre familias de acollida, a procura de espacios en dependencias municipais para instalar un cambiador adaptado, a busca de localizacións nos que desenvolver un mural que renda homenaxe á figura do donante.
A instancias da propia Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo, o Concello de Lugo decidiu poñer en marcha unha xornada informativa coa que dar difusión á figura das familias de acollemento e por outra reverter a situación da Lugo, unha das urbes galegas que menos acolle. Dita xornada informativa terá lugar o día 27 de maio, no Centro de Convivencia de Fingoi, a partir das 18.00 horas.
Outra das reunións mantidas foi coa Asociación para a loita contra as enfermidades do ril en Lugo, Alcer. Tamén con este colectivo se atendeu a solicitude de cambio de cartel da Casa Clara Campoamor, que estaba a ter problemas coas entregas postais. Ademais, acordouse que o Concello de Lugo financiará un mural dun artista lucense, co que render unha homenaxe á figura do donante, tan importante no tratamento das enfermidades do ril.
Por outro lado, coa Asociación Lucense de Esclerose Múltiple acordouse mellorar o sistema de acondicionamento de frío no ximnasio da Casa Clara Campoamor, na que tamén ten a súa sede este colectivo. Deste xeito, e atendendo a súa petición, a pasada semana instalouse nestas dependencias municipais un acondicionador de aire frío.
Con respecto á Asociación de Parálise Cerebral de Lugo, esta necesita un espazo nas dependencias municipais para a instalación dun cambiador adaptado. Polo de agora, estase a estudar a opción máis idónea entre as distintas alternativas, como o Parque Rosalía, a Praza Maior e baixo o quiosco da música desta mesma praza. A instalación desta dotación, para o que se precisa dunha superficie duns 40 metros cadrados, suporá que Lugo sexa a segunda cidade galega, despois de Pontevedra, en contar con esta cambiador adaptado. Ademais, dentro das reivindicacións de Aspace, o Concello de Lugo está a realizar un informe sobre a accesibilidade no auditorio Fuxan os Ventos.
Finalmente, coa asociación de Dano Cerebral Adquirido chegouse ao compromiso de solicitar unha reunión a tres bandas entre Concello de Lugo, Deputación e Xunta de Galicia para impulsar a consecución dunha nova sede para a asociación, que no seu centro de día atende a unhas 20 persoas, aínda que presta asistencia con obradoiros, programas de autonomía persoal e actividades de ocio a unhas 50 persoas ao mes. Para a edil encargada de Benestar Social e Maiores “Adace precisa dun local de máis superficie. É unha necesidade totalmente lexitimada pola xente que atenden diariamente nos seus distintos servizos; pola alta incidencia de Dano Cerebral Adquirido (DCA) e polo o incremento que está a experimentar esta patoloxía”.