O Concello de Lugo traballa no control da poboación de pombas

LugoXa
A área de Medio Ambiente de Lugo intensificará os labores de captura en vivo de pombas na capital que logo serán liberadas noutros espazos.
Masificacion pombas prazas Lugo
4 Maio 2022

O Concello de Lugo, a tráves da área de Medio Ambiente, continuará a traballar nas medidas de control de pombas coa intención de reducir a poboación deste tipo de aves que se asentan na capital.

Segundo sinalou o titular da área, Miguel Fernández, actualmente Lugo conta cunha colonia integrada por preto dun milleiro de individuos “que tentaremos reducir”. O obxectivo último é minimizar tanto as molestias como os danos que a masificación destas aves supón para a cidadanía e as edificacións.

Miguel Fernández deu conta, asemade, de que nos vindeiros días o concello intensificará os labores de captura en vivo. “Durante todo o ano se realiza de modo continuo, ate acadar un asentamento de exemplares proporcionado e que favoreza a convivencia”, referiu.

O concelleiro de Medio Ambiente explicou que profesionais especializados colocarán gaiolas provisionais nas prazas do Casco Histórico en diferentes días. “Trátase de métodos autorizados, que cumpren coa normativa autonómica”, explicou Fernández. Asemade, engadiu que, diante de todo, “prevalece o coidado dos animais que logo serán liberados noutros espazos máis apropiados”.

Doutra banda, Miguel Fernández, aproveitou a ocasión para solicitar á veciñanza que non alimente ás pombas para evitar o crecemento exponencial da especie.

0.17335295677185