O Concello de Lugo tramitou en 2022 o 89’46% das solicitudes urbanísticas

LugoXa
Do conxunto de actuacións destaca o volume de comunicacións previas de obra presentadas, 1.
obras vivendas
24 Ago 2023

Do conxunto de actuacións destaca o volume de comunicacións previas de obra presentadas, 1.920, das que se resolveron 1.836, o 95’62%.

A área de Sostibilidade Urbana tramitou en 2022 o 89’46% dos títulos habilitantes que a cidadanía solicitou ese mesmo ano relativos, principalmente, a unha ducia de procedementos urbanísticos: comunicacións previas de inicio ou modificación da actividade, declaracións responsables de actividade, cambio de titularidade de actividade, comunicación previa de obra, comunicación previa de obra para actividade, licenza urbanística, licenza de parcelamento, primeira ocupación, prórroga dos diferentes procedementos, renuncia de obras, desistencia de obras e autorizacións en vía pública.

Do conxunto das instancias que a veciñanza elevou ao Concello neses eidos (3.351), destaca, sobre todo, o volume de comunicacións previas de obra cursadas (o 57’29% da totalidade). En total 1.920, das que se resolveron 1.836 (o 95’62%).

A tenenta de alcaldesa e responsable de área, Paula Alvarellos, explicou que das 27 que restan, 16 se atopan en trámite de audiencia e 11 pendentes de informe técnico.

“Outra parte moi importante das peticións recibidas son as que gardan relación co sector de actividades. Estas ocupan tamén boa parte do traballo das e dos técnicos municipais e son unha prioridade dentro da xestión dos expedientes, en tanto dende o Executivo de Lara Méndez as consideramos grandes dinamizadoras da economía local cunha importante repercusión para a implantación de negocios e a diversificación do tecido produtivo”, afirmou Alvarellos Fondo.

A edil referiu así que, no exercicio pasado, presentáronse 520 peticións e concluíronse nese mesmo período 444, o 85’38% das mesmas.

Xa en canto ás licenzas de obra maior, o Concello resolveu 200 das 307 presentadas en 2022, a meirande parte por acordo da Xunta de Goberno Local (183) e as restantes por Decreto.

Neste mesmo capítulo, Paula Alvarellos aclarou que, actualmente, a área de Urbanismo Sostible continúa tramitando outras 107 licenzas que se iniciaron en 2022 pero tamén expedientes anteriores, “de gran complexidade” que proceden, no caso de catro deles, do ano 2020 mentres que outros 27 son do 2021 e cuxa expectativa de resolución se agarda próxima.

“Aténdense, así mesmo, as peticións propias do ano curso, o 2023, no que, ata a data, se presentaron 173 solicitudes”.

A concelleira agarda que os cambios introducidos no departamento durante o mandato pasado en canto á unificación de criterios, á entrada en vigor dunha ordenanza que recolle toda a normativa relacionada coa materia, a dixitalización de moitos dos procedementos e o incremento do persoal que integra os diferentes servizos “se traduza, como xa o está a facer, nunha maior celeridade na resolución de todos os trámites” para o que, ela mesma, vén de realizar tamén unha nova reestruturación da asignación de tarefas correspondente a cada perfil técnico.

“Buscamos rendibilizar ao máximo os coñecementos tan extensos que teñen todas as persoas que compoñen o cadro de persoal da área, intentando que cada unha asuma aqueles procedementos para os que teñen unha maior capacidade de abordaxe, tratando de ser áxiles para a cidadanía e de crear as sinerxías axeitadas entre as diferentes seccións que permitan avanzar con bo ritmo sobre as peticións pendentes”, subliñou Alvarellos Fondo.

“Medidas internas, que se engaden ás xa artelladas e que se adoptaron coa finalidade de mellorar – como así se está conseguindo - o funcionamento municipal. Unha nova operativa que, en definitiva, persegue minorar a burocracia e avanzar nunha comunicación máis directa, concreta e dilixente cos colectivos profesionais, cos promotores das actuacións e coa veciñanza en xeral, outro dos obxectivos que asumimos como prioridade a acadar no mandato actual”, concluíu Paula Alvarellos.

0.12424898147583