O Concello de Lugo valida o proxecto de urbanización da Quinta de Pérez
A Xunta de Goberno do Concello de Lugo validou de forma definitiva o proxecto para desenvolver a urbanización e ensanche do treito da Quinta de Pérez no que conflúen as rúas Otero Pedrayo e Río Sil.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, puxo en valor o alcance desta actuación de ámbito privado que terá como principal resultado unha significativa mellora da zona, especialmente no que ten que ver co tránsito peonil, ao tratarse dun ámbito de titularidade particular que aínda non fora executado na súa totalidade e que carece, nunha das dúas marxes, de beirarrúas e de parte da calzada.
“A materialización destas obras, orzamentadas en 160.000 euros e que deberán estar executadas no prazo de 6 meses, conferiranlle a este punto da capital unha dimensión máis amable e confortable, acorde á estratexia municipal que impulsamos dende o Executivo e coa que se pretenden conciliar todas as necesidades reais, cotiás e variadas da veciñanza”, explicou.
Así, a rexedora recordou que o pasado mes de maio a área de Medio Ambiente puxo a disposición da cidadanía, nesta mesma contorna, unha nova área de descanso.
“Concretamente na confluencia de Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaveiro, apostando así por rexenerar o barrio de Paradai, onde tamén arranxamos, a principios de ano, un gran banco de 14 metros de lonxitude e prevemos a próxima construción doutro espazo de ocio e convivencia interxeracional que incluirá unha zona de xogos infantís”, lembrou Méndez.
Pola súa parte, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, debullou algúns dos aspectos técnicos da intervención que permitirá resolver a continuidade dos itinerarios que comunican Otero Pedrayo e Río Sil “nunhas condicións dignas de urbanización, con todos os servizos de abastecemento e saneamento, mellorando notablemente o estado do pavimento actual, as dimensións da calzada, e tamén as dotacións de iluminación o que redundará nunha maior seguridade, especialmente en horario nocturno”, afirmou.
O edil trasladou, así mesmo, que a urbanización prevista reverterá igualmente na ordenación da oferta de prazas de estacionamento existentes na zona, “minimizando os espazos residuais e erradicando así puntos que puideran considerarse degradados ou insalubres, o que se imbrica no espírito que impulsamos dende o Executivo para acadar unha cidade máis integradora e habitable para todos e todas”, apuntou Santos Ramos.