O Concello de Lugo valora o programa de espazos autoxestionados no centro de convivencia de Fingoi

O pasado 27 de xaneiro, a concellería de Cohesión Social de Lugo lanzou un novo programa de espazos autoxestionados no centro de convivencia de Fingoi, un proxecto que está a acoller unha resposta moi positiva en apenas dous meses de funcionamento.
Segundo explicou a edil desta área, Olga López Racamonde, "hai unha media de 20 a 30 persoas ao día que empregan este centro social, que se está a converter nun punto de encontro interxeracional, nun claro exemplo de mellor aproveitamento dos nosos recursos públicos, para favorecer a conciliación e dar resposta ás demandas de máis espazos de lecer e de puntos de encontro para as e os lucenses".
A iniciativa xurdiu a raíz de detectar a alta demanda de espazos para a mocidade e as persoas maiores, que durante o día, e especialmente nas tardes, empregan as instalacións do centro para actividades como xogar a partidas ou disfrutar da sala de xogos. A comunidade de mozos e mozas do instituto de Fingoi tamén utiliza o centro social durante o recreo e despois das clases, o que motivou á concellería a aproveitar recursos municipais, como a sala onde se atopaba a antiga cafetería, que estaba pechada por falta de solicitudes para a súa concesión.
Olga López Racamonde e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, realizaron unha visita ás instalacións do centro para coñecer de primeira man o bo funcionamento deste espazo autoxestionado, falar cos usuarios das distintas salas e recoller a opinión do persoal municipal encargado do centro. Os responsables do centro aseguran que "a resposta da mocidade está a ser moi boa. Cumpren as normas establecidas, coidan desta sala e ocúpanse de mantela limpa e en bo estado".
O alcalde de Lugo destacou que "estes espazos autoxestionados contribúen á toma de decisións democráticas, ao respecto polas propiedades e instalacións públicas, ao tempo que procuramos un ambiente de bo clima social e puntos de encontro nos que pasar o tempo de lecer". A sala, que contén unha barra de cafetería, mesas, cadeiras e un futbolín, permite así ofrecer un espazo dinámico e multifuncional para os veciños.
Tras constatar a demanda e as posibilidades de mellorar o uso destes espazos, o Goberno Local puxo en marcha a sala autoxestionada a finais de xaneiro, establecendo contratos de convivencia para garantir un uso adecuado. No contrato, os grupos de usuarios deben designar un representante que se encargará de comunicarse coa animadora sociocultural e de formar un equipo de autoxestión, coas responsabilidades de manter o espazo en bo estado, xestionar a compra de produtos e velar polo bo uso dos recursos dispoñibles.
A edil de Cohesión Social afirmou que este modelo de xestión non só favorece a convivencia e a organización colectiva, senón que tamén fomenta a responsabilidade e o respecto entre os usuarios e o persoal do centro.