O Concello de Lugo vén de adxudicar a xestión da aceleradora TurisTalent 5.0

LugoXa
"Queremos que Lugo sexa un referente na innovación turística", sostivo o alcalde, Miguel Fernández
Miguel-Fernández-Impulso-Verde-Lugo
2 May 2025

O Concello de Lugo vén de adxudicar a xestión da aceleradora TurisTalent 5.0 á empresa Dos Espacios Internet Consulting SL por un importe de 134.704,77 euros.

O programa, impulsado dende a concellería de Dinamización Económica, busca dinamizar o emprendemento no sector turístico e enogastronómico mediante a formación, tutorización e mentorización de proxectos innovadores.

"Con esta adxudicación, damos un paso máis na consolidación de Lugo como un espazo de oportunidades para o emprendemento turístico. TurisTalent 5.0 será unha ferramenta clave para impulsar proxectos con alto potencial, favorecendo a creación de emprego e a diversificación do tecido empresarial da cidade", destacou o rexedor.

Miguel Fernández puxo en valor ademais a importancia do apoio institucional a este tipo de iniciativas: "Queremos que Lugo sexa un referente na innovación turística. O noso obxectivo é proporcionar as ferramentas necesarias para que os emprendedores poidan desenvolver proxectos sustentables e de calidade, baseados na nosa riqueza patrimonial e gastronómica".

O Concello recibiu seis ofertas para a xestión deste programa pioneiro. Estas propostas foron avaliadas por un comité de expertos mixto, integrado por técnicos de diferentes departamentos municipais e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que valoraron a idoneidade das candidaturas para impulsar esta iniciativa.

A ACELERADORA

A aceleradora desenvolverase ao longo de nove meses, durante os cales os proxectos participantes recibirán formación especializada, asesoramento técnico e apoio na procura de financiamento. O programa inclúe diferentes fases, desde a captación e selección dos proxectos ata a súa presentación ante potenciais investidores nun Investors Day.

TurisTalent 5.0 terá a súa sede no edificio Impulso Verde, situado na Garaballa, un espazo que busca converterse nun referente para o ecosistema emprendedor lucense.

"A nosa aposta por un modelo turístico sostible e diferenciado é firme e esta aceleradora será un motor fundamental para potenciar iniciativas de alto valor engadido", engadiu Fernández.

O rexedor tamén destacou o impacto positivo do programa: "TurisTalent 5.0 permitirá conectar os emprendedores con expertos do sector, garantindo un acompañamento continuo para que os seus proxectos se convertan en realidades empresariais viables.

Ademais, esta aceleradora contribuirá a fortalecer a competitividade do sector turístico local, promovendo iniciativas que poidan atraer visitantes e dinamizar a economía de Lugo".

A aceleradora enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino "...Et Edendo, Lucus", que conta cun financiamento de 2 millóns de euros procedentes dos fondos europeos Next Generation.

O obxectivo final desta iniciativa é promover un modelo turístico sostible e de calidade, baseado nos recursos endóxenos da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.17748498916626