O Concello de Monterroso aproba por unanimidade instar á Xunta a construír unha residencia

LugoXa
“Agora non hai escusas: o Concello ofreceu colaboración e terreos; é a Xunta quen debe converter as palabras en feitos”, insistiu o portavoz socialista
Rafael-Garcia-PSOE-Monterroso
31 Oct 2025

O Concello de Monterroso deu un paso firme cara á creación dunha residencia da terceira idade no municipio ao aprobar por unanimidade no pleno a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista. A iniciativa reclama á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, que active de inmediato os trámites necesarios para impulsar o proxecto, mentres que o Concello comprométese a facilitar os terreos precisos para a súa construción.

A proposta chega para atender unha demanda reiterada da veciñanza, que leva anos insistindo na necesidade de contar cun recurso asistencial digno e próximo para as persoas maiores. O PSOE subliñou que os servizos públicos deben situar ás persoas no centro das políticas locais, garantindo unha atención adecuada a quen precisa apoio no seu día a día.

O voceiro socialista, Rafael García Figueiras, lembrou que o Partido Popular fixo desta residencia unha das súas grandes bandeiras na campaña electoral de 2023, anunciando financiamento autonómico e apoio da Consellería. Porén, segundo denunciou, a promesa quedou en papel mollado: “Dous anos despois só temos un edificio pechado, unha vivenda comunitaria desmantelada e cero euros nos orzamentos da Xunta para 2026”.

García Figueiras acusou ao PP de “xogar coa ilusión e coa necesidade das persoas maiores de Monterroso” ao utilizar o proxecto como reclamo electoral e abandonalo despois. Recordou, ademais, que o modelo pioneiro de vivenda comunitaria funcionaba con éxito e podería terse adaptado á normativa para convertelo nun fogar residencial operativo sen demora: “Perdéronse tres anos e deixouse sen atención a persoas dependentes que poderían estar xa recibindo coidados no seu concello”.

A moción aprobada supón un mandato claro do pleno para que a Xunta cumpra o prometido e habilite unha partida específica nos orzamentos de 2026. De feito, o Grupo Socialista xa rexistrou unha emenda para incluír financiamento. “Agora non hai escusas: o Concello ofreceu colaboración e terreos; é a Xunta quen debe converter as palabras en feitos”, insistiu o portavoz.

O PSOE comprométese a seguir esixindo que Monterroso dispoña dun servizo esencial para garantir unha atención digna ás persoas maiores, apostando por unha vila máis solidaria e cun sistema de coidados á altura das necesidades reais da súa veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.080173015594482