O Concello de Monterroso realizou a limpeza dun vertedoiro incontrolado en Sucastro
O persoal municipal do Concello de Monterroso realizou a limpeza dun vertedoiro incontrolado situado en Sucastro, onde se acumulaba unha gran cantidade de refugallos á beira da estrada.
O Concello subliña que os vertidos neste espazo están prohibidos e procederá ao peche da zona para evitar novas infraccións. Ademais, as autoridades competentes sancionarán ás persoas responsables destes vertidos.
Como parte das medidas para combater este tipo de prácticas, o Goberno local anuncia a instalación dun sistema de videovixilancia no punto limpo municipal. Este dispositivo busca protexer as súas inmediacións e evitar danos ou vertidos inapropiados.
Lémbrase á veciñanza que está totalmente prohibido depositar residuos en vertedoiros non autorizados ou en calquera outro lugar que non estea habilitado para tal fin. O Concello dispón dun punto limpo para a xestión adecuada de residuos voluminosos, como electrodomésticos en desuso, televisores e plásticos, entre outros.
Os interesados en utilizar este servizo deben tramitar a solicitude no Concello, tras o cal o persoal municipal se encargará de recoller os refugallos e levalos ao punto limpo. Alternativamente, os veciños e veciñas poden transportar os residuos directamente ao punto limpo durante o seu horario habitual, os venres de 10.00 a 13.00 horas.