O Concello de Negueira de Muñiz facilita a consulta do Plan Básico Municipal

O Concello de Negueira de Muñiz vén de anunciar a posta en marcha dun proceso de información pública sobre o contido do Plan Básico Municipal.
Co obxectivo de que a veciñanza poida coñecer de primeira man os detalles do documento e presentar as alegacións que considere oportunas, organizáronse varias sesións informativas coa participación do equipo redactor.
Estas sesións celebraranse os días 14 e 20 de maio, no salón de Plenos do Concello, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Durante estas xornadas, as persoas interesadas poderán expoñer dúbidas, facer suxestións e expresar a súa opinión sobre o plan urbanístico.
Desde o Concello recoméndase concertar cita previa para evitar posibles aglomeracións, chamando ao teléfono 982 14 80 79.
Esta iniciativa forma parte do compromiso do goberno local coa transparencia e coa participación cidadá no desenvolvemento do futuro urbanístico do municipio.