O Concello de Outeiro de Rei convoca máis de 500 prazas para as actividades do verán

O Concello de Outeiro de Rei pon en marcha un amplo programa de actividades de lecer, cultura e deporte para este verán, co obxectivo de ofrecer alternativas saudables, educativas e recreativas para todas as idades. O prazo de inscrición estará aberto ata o 20 de xuño nas oficinas municipais da Casa da Cultura, en horario de mañá de 10:00 a 14:30.
O programa conta con máis de 500 prazas dispoñibles e inclúe actividades para nenos, mozos, mulleres e persoas maiores. Entre as propostas destacan actividades deportivas como pilates, ioga, tiro con arco, tenis, piragüismo, BTT, curso de pesca e balonmán, entre outras.
Tamén haberá campamentos urbanos, Domingos á Praia, obradoiros de velas aromáticas e xabóns, defensa persoal e zumba e excursións ao Corpus Christi de Ponteareas e a Mondariz.
Para a xuventude hai previstos cursos de pádel e Mocidade en acción, actividades creadas desde a Oficina de Información Xuvenil. Tamén continuarán coas actividades de promoción da muller con talleres de educación financeira, cestería creativa con fibras vexetais e repostería.
"Este programa enmárcase na aposta do Concello por promover o benestar, a igualdade e a participación cidadá durante os meses de verán", explicou o alcalde, José Pardo Lombao.
Para máis información, pódese contactar co Concello a través do teléfono 982 39 34 08 ou visitar a web oficial: www.outeiroderei.gal.