O Concello de Palas de Rei encarga unha taxación polos danos na A-54

O Concello de Palas de Rei anunciou que encargará unha taxación independente para avaliar os danos ocasionados nas vías municipais como consecuencia da execución das obras da autovía A-54.
O alcalde, Pablo Taboada, explicou que “varios camiños e pistas de titularidade municipal foron danados de consideración tras ser utilizados pola maquinaria pesada que traballou na execución das obras da autovía ao longo dos últimos anos”.
Segundo indicou o rexedor, algúns destes camiños incluso quedaron cortados por completo, e tras oito meses da apertura do tramo afectado, seguen sen ser reparados, o que está a provocar importantes molestias aos veciños e veciñas de Belouchada, Vilar, Remonde, Campaña, Andemil, O Coto, Vacariza e outras zonas próximas.
Taboada subliñou que o Concello tentará chegar a un entendemento co Ministerio competente, pero advertiu que “non se descarta iniciar as reclamacións que correspondan no caso de que persista o prexuízo para os veciños da zona”. O obxectivo, explicou, é garantir que se repoñan as vías municipais ao seu estado orixinal e se compense o impacto xerado polas obras da infraestrutura.