O Concello de Pol busca opcións para os afectados polo transporte escolar
O Concello de Pol busca a maneira de poder recoller aos pequenos de transporte escolar que teñen dificultades coas paradas e achegalos ao colexio. Así o explicou o alcalde da localidade, o socialista Lino Rodríguez Ónega, que en numerosas ocasións fixo duras críticas polo “mal trato” do servizo de transporte da Xunta aos escolares do rural.
O alcalde e o seu equipo de Goberno estuda como opción que sexa un coche de Protección Civil o que recolla aos pequenos diante das súas casas e os leve ata Mosteiro, para o que ten que chegar a un acordo cos pais.
Segundo explica Ónega, hai o caso urxente dun rapaz ao que o autobús lle pasa por diante de casa pero que ten que desprazarse un quilómetro para ir á parada. Como a súa nai vén de dar a luz ten moitas dificultades para levalo.
Rodríguez Ónega asegura que a Xunta non arranxa o problema e quéixase de “mal trato á veciñanza do rural, facendo máis difícil que as persoas se asenten nas parroquias”.
“Tanto que falan da Galicia baleira e son eles mesmos os que tratan ao rural deste xeito poñendo máis trabas e problemas á veciñanza”, indica Ónega e subliña que “é unha vergoña o trato que nos están a dispensar, deixando claro que é unha mentira a súa preocupación polo rural xa que non se molestan en preocuparse un mínimo pola situación destas localidades que non teñen outros servizos alternativos”.
Lino Rodríguez lembra que non é o único que teñen, xa que son tres os escolares que teñen problemas co transporte, unha rapaza ten que camiñar tres quilómetros todos os días para chegar á parada de bus.
PLAN DEPUTACIÓN
O alcalde anunciou tamén que antes de que remate o mes elaborarase a listaxe coas obras que se realizarán cos orzamentos do Plan Deputación.
Segundo indicou Ónega, o orzamento está establecido en 150.000 euros e se destinarán principalmente á mellora de pistas e accesos nas parroquias, en especial naquelas nas que aínda non se traballou.