O Concello de Rábade celebra este mércores os actos conmemorativos do Centenario

LugoXa | TerraChaXa
Será festivo local e haberá actividades ao longo de todo o día
rabade-centenario
27 May 2025

O Concello de Rábade xa ten preparados os actos conmemorativos de Centenario da localidade (1925-2025), que terán lugar este mércores, 28 de maio, que será festivo local.

A celebración dará comezo ás 11:00 horas no antigo Concello, na Rúa José Pardo, coa recepción de autoridades. Deseguido farase un paseo ata a Praza de España.

Ás 11:30 horas na Praza de España levarase a cabo a lectura da acta da constitución do Concello. Ás 12:00 horas inaugurarase unha escultura conmemorativa desta efeméride, así como unha exposición sobre o Centenario.

Ás 12:30 horas haberá misa no Campo da Feira. Ás 13:30 horas a Banda Sons e Soños ofrecerá un concerto e ás 14:30 horas será o xantar, de balde para os veciños e veciñas empadroados. As invitacións para a comida poden recollerse na Área de Cultura e Deporte do Concello ata o 22 de maio en horario de 08:30 horas a 15:00 horas.

O Mercado do 25

Ás 17:30 horas farase a apertura do Mercado do 25 na Praza de España, unha recreación dun mercado da época con algunha demostración dos oficios de entón, e ás 18:00 horas terá lugar A verbena do 25 coa Escola Tradi Oxeito. Ás 18:30 horas será a presentación e interpretación da Muiñeira morisca de Rábade dos autores Euloxio Penas e Xosé Torres. A interpretación correrá a cargo de Xosé Torres.

O broche de ouro da xornada porao o concerto de Luar na Lubre ás 21:00 horas no Campo da Feira.

A alcaldesa de Rábade, Reme González, remitiu unha carta coa programación a todos os veciños e veciñas, aos que convida a participar desta celebración. Desde o Goberno local tamén se anima a todos e todas a que asistan con vestiario de época e que decoren as súas vivendas e balcóns con motivos do centenario. “Queremos que sexa un día para o recordo, polo que convidamos a asistir a todos os veciños e veciñas para celebralo xuntos”, precisa a rexedora.

⚙ Configurar cookies
0.17153692245483